A “APDR” esixe o peche definitivo e inmediato de ENCE.
Diante da alarma social creada na pasada madrugada do 29 ao 30 de novembro polos “fortes ruidos” que se poideron escoitar por períodos de cinco ou dez minutos que se repetiron ao longo de boa parte desa noite dacordo co referido por algunha das moitas persoas que se puseron en contacto coa policía local, protección civil, e mesmo coa nosa Asociación semellaban “ao ruxir dun avión voando a ras do chan”, ruidos que – dacordo coa versión da policía local e coas informacións aparecidas hoxe en diversos medios de comunicación – foron provocados por un mal funcionamento do complexo industrial de ENCE en Lourizán, a “Asociación Pola Defensa da Ría” quere expoñer o seguinte:
1º.- que a situación referida non é un feito aillado, senón que situacións como esta, que causan alarma social na poboación, veñen repetíndose con demasiada frecuencia na fábrica de ENCE.
2º.- que sistemáticamente a empresa ENCE tenta agachar os constantes incidentes e accidentes no complexo minimizando a súa importancia e tentando eludir a súa responsabilidade.
3º.- que moitos dos frecuentes accidentes que se veñen producindo na fábrica de CELULOSA son potencialmente perigosos, polo que existe unha razoabel probabilidade de que nalgún deles se produzan danos persoais ou ambientais severos.
4º.- que estas incidencias repetidas deixan en evidencia a inexistencia na práctica dun Plan de Emerxencia Exterior que poida funcionar no caso dun accidente de gravidade no complexo.
5º.- que o complexo ENCE-ELNOSA sigue incumprindo o RAMINP, que obriga a ubicar estas industrias a unha distancia non inferior aos 2.000 metros do núcleo de poboación máis próximo.
Por todo elo, a “Asociación Pola Defensa da Ría”, conscente do risco que supón para a poboación da bisbarra seguir vivindo baixo a permanente ameaza da presencia do complexo en Lourizán, e con independencia das actuacións que pola vía xudicial poida interpor como Asociación contra a fábrica pasteira, esixe:
1º.- ao Concello de Pontevedra que abra o oportuno expedente sancionador á empresa polos reiterados episodios de ruido provocados na referida noite do 29 ao 30 de novembro, e inste á Xunta de Galicia a aplicar o acordo programático de goberno no sentido da desubicación do complexo ENCE-ELNOSA da nosa Ría.
2º.- á Xunta de Galicia que abra un expedente contra ENCE polo reiterado incumprimento do RAMINP, e decrete o peche cautelar da actividade industrial de ENCE en Lourizán polo reiterado incumprimento da lexislación e polo perigo potencial da súa ubicación para a cidadanía dos núcleos de poboación limítrofes.
