A “APDR” esixe ao Goberno Municipal a apertura dun expediente contra o complexo “ENCE-ELNOSA”.
A solicitude ven motivada polo último episódio de alarma social ocurrido na pasada noite do 29 ao 30 de novembro, na que se poideron escoitar “fortes ruidos” por períodos de 5-10 minutos que se repetiron ao longo de boa parte desa noite dacordo coas declaracións dalgunha das persoas que se puseron en contacto coa “APDR” logo de facer o proprio coa Policia local ou Protección Civil.
Dacordo coas citadas fontes, o ruido semellaba ao “ruxir dun avión voando a ras do chan” e viña da Ría cara á cidade, circunstancia que quedou definitivamente probada ao se persoar membros da Policía local na CELULOSA de Lourizán, que finalmente admitiu a súa responsabilidade achacando o sucedido á posta en marcha da actividade industrial logo do período de parada anual.
Para a “APDR”, que entende que estos episodios de alarma social, lonxe de seren feitos aillados, véñense repetindo con demasiada frecuencia e desde hai xa demasiado tempo sen que por parte da empresa nen das autoridades locais, autonómicas ou estatais se teñan adoptado as medidas necesarias para impedilos, a gravidade da situación require a toma de decisións que aseguren o fin desta situación, pois non se pode esquencer que moitos dos accidentes ou incidentes que se veñen producindo na fábrica son potencialmente perigosos, polo que existe unha probabilidade razoabel de que nalgún deles se produzan danos persoais ou ambientais severos.
Ao tempo, a “APDR” entende que estas incidencias continuadas poñen de manifesto a inexistencia na práctica dun “Plan de Emerxencia Exterior” que poida funcionar no caso dun accidente grave no complexo, o que aumenta o grado de indefensión da poboación, e xustifican a inmediata paralización da actividade industrial de ENCE-ELNOSA na súa actual ubicación, unha ubicación que sigue a seren ilegal xa que incumpre as exixencias do RAMINP no que fai á distancia mínima exixida aos núcleos de poboación.
Con independencia das actuacións que a asociación poida levar adiante pola vía xudicial contra a empresa ENCE como responsabel deste risco potencial contra a poboación, a “APDR” exixe do Concello:
1º.- A apertura dun expedente sancionador á empresa pola alarma social provocada na noite do 29 ao 30 de novembro e polo incumprimento da lexislación en materia de ruidos.
2º.- Os resultados das medicións do ruido realizadas pola Policía local na antedita noite.
3º.- Que inste á Xunta de Galicia a aplicar o acordo programático de goberno no referente ao complexo e decrete o fin da actividade industrial de ENCE-ELNOSA en Lourizán en base ao incumprimento do RAMINP.
