A “APDR” denuncia a actitude do Conselleiro de Medio Ambiente co colectivo.
A “Asociación Pola Defensa da Ría” quere denunciar publicamente a actitude que a “Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible” da Xunta de Galicia mantén coa Asociación ecoloxista, unha actitude que considera absolutamente inxustificabel.
En efecto, para a APDR resulta inaceptabel que cando vai máis dun ano desde que solicitou unha entrevista co Conselleiro de Medio Ambiente, non teña recibido ningunha resposta, e máis se temos en conta que houbo moitos outros colectivos que – a pesares de teren solicitado a súa entrevista con posterioridade á solicitada pola APDR - teñen sido recibidos xa hai tempo polo titular da citada Consellería. Esta falta de resposta resulta ainda menos entendibel si temos en conta que desde a APDR foron varias as ocasións nas que nos pusemos en contacto coa Consellería para nos interesar pola marcha da nosa solicitude. Esta reiterada falta de resposta e non outro motivo é o que nos move hoxe a sacar á luz pública esta situación, na confianza de que teremos unha pronta resposta da Consellería que dirixe o Sr. Vázquez.
Ainda que – tal e como explicabámos na nosa solicitude de entrevista – son moitos e de moi diversa índole os temas que consideramos necesario falar co titular de Medio Ambiente, o motivo principal da nosa solicitude non era outro que o de manter un primeiro contacto co Sr. Vázquez logo da súa chegada á Consellería, pois entendemos na APDR que entre as organizacións ecoloxistas e os responsabeis da política medioambiental da Xunta de Galicia debera existir unha relación fluida e permanente, e coñecer de primeira man as posicións da Consellería naqueles temas que motivan a nosa existencia como asociación ecoloxista no noso ámbito de actuación. Prantexabámos tamén outro aspecto do noso traballo como asociación ecoloxista: o da situación actual do complexo ENCE-ELNOSA, tanto no que fai á situación dos seus vertidos e emisións atmosféricas como no relativo aos pasos que desde a Consellería se teñen dado cara a dar cumprimento ao compromiso programático do goberno galego de ubicar a factoría de ENCE fóra da nosa Ría, aspectos todos eles de enorme interese non só para a propria APDR senón tamén para o conxunto da poboación da bisbarra pontevedresa.
Desde a APDR reiteramos o noso interese en manter a entrevista co Conselleiro Sr. Vázquez e a nosa actitude aberta para que entre a administración autonómica e a nosa asociación poida existir un diálogo permanente e un intercambio de información en materia medioambiental, pois non se debe esquencer ademáis que, no que fai aos temas ambientais, a lexislación europea obriga ás administracións a facilitar información a calquera cidadán ou cidadá que así o solicite.
