09/01/ 2007

ADEGA rexeita o proxecto de Pescanova para construir a piscifatoría máis grande do mundo en Portugal, sobre hábitats prioritarios

Filed under: Litoral

UN MILLÓN DE METROS CADRADOS EN REDE NATURA PARA PESCANOVA

 

Onte o governo portugués asinou un protocolo con Pescanova para a construcción no LIC Dunas de Mira dunha megapiscifatoría de preto de 1 millón de m2. A empresa busca así a complicidade de governos máis permisivos para eludir a lexislación ambiental europea, o que non puido conquerir en Touriñán. Actitudes como esta amosan a prepotencia e a falta de respecto de Pescanova e o governo luso pola conservación da diversidade natural de Europa. A asociación ecoloxista portuguesa QUERCUS, apoiada por ADEGA, xa expresou a súa vontade de loitar contra esta decisión.

ADEGA considera que este feito é unha proba máis da política insustentábel e depredadora que pretenden levar a cabo algunhas empresas coa connivencia de determinados sectores políticos. Estas actitudes evidencian ademáis dun intolerábel desprezo polas leis (neste caso a Directiva de Hábitats) unha bulra á cidadanía. É unha inxustiza e unha fraude que mentres os propietarios/as ou calquera outra empresa teñan que respectar as condicións legais para a protección ambiental dunha área, algunhas corporacións teñan "dereito de pernada" para instalarse alí onde lles pete, mesmo en espazos protexidos e con hábitats prioritarios.
 
No entanto, parécenos aínda máis preocupante que un governo que ten a obriga de cumprir as leis, sexa cómplice desta manobra e non só artelle trécolas administrativas e sabotee as leis ambientais para beneficiar a unha empresa, senón que achegue cartos públicos para violar a legalidade e causar unha desfeita ecolóxica.
 
Tampouco son menos graves as actitudes de determinados sectores políticos galegos que non teñen reparo en afirmar públicamente que permitirían o sacrificio de espazos protexidos como Touriñán, saltándose "a la torera" toda a normativa ambiental. Intentárono durante anos con outros santuarios da natureza galega como As Catedrais, Corrubedo, O Xistral, O Courel… Mais grazas ao labor dos ecoloxistas e dunha cidadanía cada vez máis comprometida coa defensa do seu patrimonio natural, a sociedade galega acabou por poñelos no seu sitio.
 
ADEGA quere facer tamén unha reflexión sobre a fiscalización por parte das administracións de determinadas empresas que amosan de xeito recalcitrante un nulo respeito pola normativa ambiental vixente. Os poderes públicos deberían tomar nota de como se conducen estas empresas noutros lugares para revisar polo miúdo as súas actividades en Galiza, alén de non premiar con cartos públicos ás que amosen actitudes desafiantes ou estratexias insustentábeis.
 
Finalmente, ADEGA quere expresar a súa solidariedade cos compañeiros/as de QUERCUS aos que lles ofrecemos todo o noso apoio e experiencia na súa loita (que tamén é a de ADEGA) pola conservación do patrimonio natural europeo.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/01/09/adega-rexeita-o-proxecto-de-pescanova-para-construir-a-piscifatoria-mais-grande-do-mundo-en-portugal-sobre-habitats-prioritarios/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here