Solicitan un tratamento de residuos máis ecolóxico
Nestes momentos estase comezando un proxecto piloto a nivel comarcal de compostaxe domiciliaria co método Bokashi, que é moi interesante a nivel técnico, mais é experimental e a nivel práctico sería insuficiente e non deixaría de ser complementario coa compostaxe a nivel industrial, habida conta que gran parte da poboación dos tres concellos habita en núcleos urbanos consolidados, ten unha clara tendencia ós hábitos urbanos, a poboación en total achégase ós 60.000 habitantes e a fracción orgánica xerada supón máis dun 50% do total dos RSU xerados nos fogares. Para elo requiriría a mellora e posta en funcionamento da planta de compostaxe existente dentro do complexo medioambiental de tratamentos dos RSU e asimilábeis da Mancomunidade de Concellos do Morrazo en Castiñeiras, financiado maioritariamente a cargo de fondos FEDER e POMAL da UE poren inoperativa dende a mesma posta en funcionamento do complexo, onde se está a priorizar o funcionamento exclusivo da estación de transferencia dos RSU.
Por outra parte cumpre urxentemente unha campaña de Reducción da xeneración de RSU, xa que segundo o propio Plan SOGAMA, dende 1998 ata o 2003, a producción de lixo aumentou nun 23,7% de media, pasando ata o 40% nos concellos semiurbanos de máis de 10.000 habitantes, dentro do cal estarían representados os tres mancomunados do Morrazo. Ese aumento continuo da xeración de residuos é a principal causa do actual colapso das instalacións de tratamento dos RSU de Cerceda pero por engadido tamén da xestión e tratamento dos RSU no resto de Galicia, incluída O Morrazo e está a provocar un serio problema social, económico e medioambiental (tan só hai que ver as bolsas que sobresaen dos contenedores na rúa a diario e os enormes problemas que se xeran cando se deixa de recollelo lixo domiciliario máis dun día). A isto hai que engadirlle nesta comarca costeira en que vivimos a cantidade de residuos plásticos e voluminosos que diariamente van parar ó mar e de aquí posteriormente ás praias, procedentes do abuso, abandono e as malas prácticas nas labores da explotación dos recursos mariños. Tamén as grandes cantidades de materiais de desuso producidas nas obras da construcción de edificios e urbanizacións, moitos deles sintéticos e de composición química, que lonxe de ser depositados en contedores para ser debidamente tratados, polo contrario son vertidos e queimados incontroladamente, contaminando o territorio e a atmosfera, incumprindo así mesmo as distintas normativas na materia.
Outro dos graves problemas dende hai un tempo ata a actualidade e coincidindo co desenrolo urbanístico é a grande e paulatina xeración de escombros de terras e xabres nas obras, que a falla de lugares específicos de acollida, están a ser incontroladamente vertidos nos montes e tamén no litoral. Asemade temos que valorar a negativa experiencia que provocou dende o ano 2000 ata actualidade a entrada de empresas privadas no servizo de recollida, Urbaser e Aymasa (na actualidade Isolux), con continuos conflictos laborais cos dereitos laborais d@s traballadores/as e contractuais coa propia Mancomunidade de Concellos do Morrazo, conlevando para ela endebedamento económico e unha merma de recursos humanos e materiais na recollida, transporte e mesmo no tratamento das instalacións do complexo de Castiñeiras, que en conxunto transcederon moi negativamente a nivel social e medioambiental na comarca. A entrada de cheo no Plan SOGAMA da Incineración só trouxo máis endebedamento económico para a Mancomunidade, polos altos custes do transporte por estrada dos RSU do Morrazo dende Castiñeiras ata as instalacións de SOGAMA en Cerceda, na Coruña, e polo caro do tratamento posterior na planta incineradora.
Ante todo, lembramos que o 20 de setembro de 2005, Luita Verde presentou 8 iniciativas dentro dunha Proposta de mellora do Plan de RSU do Morrazo dirixidos por Rexistro á Presidencia da Mancomunidade de Concellos do Morrazo. Entre elas estaban algunhas das xa citadas neste escrito e outras como compostadores individuais no rural (no ano 2004 a Xunta de Galicia aprobou a entrega gratuíta de 100.000 compostadores individuais a quen lle interesara por todo o territorio galego e ó que se anotaron daquela varias persoas dos tres concellos do Morrazo pero que a día de hoxe a maioría aínda non os recibiron), campaña educativa en prol da recollida selectiva, reordenación e limpeza mecánica dos contedores na rúa (a situación non variou dende aquela e en certas zonas aínda empeorou), construcción dun punto limpo en cada concello para resíduos tóxicos e voluminosos (actualmente só está construído o do concello de Cangas), recollida selectiva de aceites usados (a pesar de ser moi tóxicos en contacto coa auga, gran parte deles son arroxados polos vertedoiros dos fogares) e de residuos plásticos e fitosanitarios no rural (se sigue a verter altas cantidades deste tipo de residuos tóxicos e voluminosos nos campos de cultivo e esparcidos por zonas naturais próximas como leitos e bosques dos ríos), reducción da xeración do lixo nos fogares promovendo campañas afíns en colaboración con colectivos veciñais e asociacións de comerciantes, reparto equitativo e solidario no pago das taxas como pago por cantidade de lixo xerada, primas @ individu@ ou vivenda que menos xere e rebaixas para as persoas ou familias máis necesitadas. Estas iniciativas de proposta de mellora nunca foron respondidas ata o de agora pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo, pero de acordo co R.D. de Lei 30/92 de Réxime Xurídico de Administracións Públicas e Proceemento Administrativo común
SOLICITAMOS que sexan tidas en conta e respondidas na máxima brevidade como parte interesada.
