16/01/ 2007

Os 13 campionatos oficiais de caza de raposo a celebrar durante este mes aniquilaran cerca de douscentos animais.-

Filed under: Caza e Pesca

A cara máis amarga da caza en Galicia A FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA recibiu nos últimos días numerosas peticións de cidadáns para que trasladen as autoridades competentes, neste caso á Consellería de Medio Ambiente, a grande consternación e impotencia ao ver en varios medios de comunicación ringleiras de raposos sacrificados, ata 37 no último Campionato provincial de Pontevedra celebrado en Rodeiro, no que se pode considerar coma “matanzas indiscriminadas” de raposos, suxeitas a un baleiro legal inexplicable á vista da grande mobilización de escopetas e número de animais que se sacrifican.

A FEG estima que o número de participantes que ao final do período de competicións establecidos en Galicia, entre o 13 de xaneiro ao 18 de febreiro, sumaran unhas 4000/5000 persoas implicadas, e no que se acadarán incluso congregacións para un so campionato de máis de cincocentos cazadores (caso por exemplo do último celebrado en Rodeiro), que peneirarán un couto ou varios nunha mesma xornada, e sen ningún tipo de restrición no número de capturas, xa que este consiste nun acto puramente competitivo, no que se enfrontarán polo primeiro posto numerosas “cuadrillas” (cada un dos equipos participantes), e na que resulta vencedores e clasificados para campionatos de maior rango (autonómico, ou estatal) aqueles que teñan matado máis raposos dentro do tempo establecido e demostrar así a súa pericia coa escopeta.

Así, esta modalidade de caza leva parello un esforzo cinexético masivo, e concentrado nunha pequena franxa de territorio, e que polo tanto vai en contra de calquera aproveitamento de caza que se poida encadrar nos principios fundamentais que regulan o aproveitamento desta actividade e que precisamente, son obxecto da definición xa no primeiro artigo da lei de caza, que se refire a que o “exercicio da caza” debe facerse baixo a protección, conservación e ordenado aproveitamento das especies cinexéticas.

Trátase dunha situación incomprensible, que directamente pode definirse coma unha barbaridade, e que amosa con diferenza a cara máis negativa desta práctica, nunha modalidade moi afastada do que pode resultar un aproveitamento cinexético sostible. Que non se sustenta baixo ningunha xustificación técnico científica, ao marxe por completo do que son os aproveitamentos cinexéticos sometidos aos denominados “Plans de Ordenación de Caza” dos Tecores, e cunhas repercusións ecolóxicas sobre o medio imprevisibles, dado o alto número de animais subtraídos, recordando que xa durante o período hábil a Consellería de Medio Ambiente autoriza entre unhas 300 a 400 xornadas para o control da poboación desta especie.

A FEG reclama á Consellería que faga unha revisión a fondo deste tipo de modalidade, sen regulamento normativo específico ao abeiro da lei, onde incluso a propia Lei de Caza 4/1997 (que recentemente foi modificada) non recolle o termo “competición” no seu articulado, só mencionándose no artigo 54 do Regulamento de Caza a potestade para que Federación Galega de Caza e Consellería colaboren na realización das competicións, pero botándose en falta a definición dun “procedemento básico” de como se deben regular, celebrar, ordenar, autorizar, adecuar aos Plans de Ordenación de Caza, limitacións de escopetas e capturas, establecemento dun protocolo de vixilancia e control exhaustivo dos eventos por parte dos servizos técnicos e de vixilancia. En fin, establecer uns requisitos elementais, se cabe, de garantías e de sostibilidade no seu desenvolvemento, e incorporar medidas de xestión, que tanto se botan en falta, como ben indica a lei de caza.

Agárdase que para a celebración do resto de eventos que quedan, 9 campionatos de carácter provincial ou rexional e o último que coincide coa Copa de España no Carballiño, a Consellería estableza un protocolo especial e de urxencia de control e vixilancia con tódolos seus efectivos destinados ao control e xestión cinexética, xa que este aspecto tamén deixa moito que desexar, ao detectarse incluso a falta de presenza de gardería que supervise estes eventos, e recordando que en campionatos e batidas de raposo autorizadas en anos anteriores se teñen abatido outras especies, que saian ao paso, que para nada tiñan que ver coa especie obxecto da cacería. En moitos casos lobos, corzos, e xabarís. Coma exemplo, fai xusto un ano no propio TECOR de Rodeiro, onde se celebrou este fin de semana o Campionato provincial, apareceron tres lobos acribillados a perdigonazos e decapitados (para trofeo disecado de caza), aparecendo xusto uns días despois de celebrarse unha cacería de raposos, e para o que se descoñecen aínda as conclusións do sucedido.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/01/16/os-13-campionatos-oficiais-de-caza-de-raposo-a-celebrar-durante-este-mes-aniquilaran-cerca-de-douscentos-animais/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here