Por unha acuicultura sustentábel: achegas de ADEGA ao novo Plano Sectorial
ADEGA ven de apresentar alegacións ao documento marco que establece as condicións para o desenvolvemento da acuicultura en terra, no proceso de Avaliación Ambiental Estratéxica. As nosas suxestións pretenden achegar criterios de sustentabilidade e xustiza social a unha actividade que ten provocado fortes impactos ambientais e grande controversia. O actual governo ten a oportunidade de racionalizar e regulamentar un sector que até o de agora privatizou os beneficios e socializou os impactos, cunha planificación baseada no criterio de "todo vale".
A respeito dos criterios de aceitación e rexeitamento para a ampliación das instalacións existentes, ADEGA propón a seguintes modificacións:
ALEGACIÓN 1: Dentro dos criterios medioambientais, e ao igual que para os parques de nova criazón, deberíanse incluir como criterio de exclusión, as paisaxes singulares ou de especial relevancia. Tendo en conta que algunhas instalacións xa existentes se sitúan en espazos protexidos ou en contornos de alto valor paisaxístico, cómpre valorar a afección sobre este recurso como unha limitación á hora de autorizar eventuais ampliacións. Considerando ademáis que está en proceso de elaboración a futura Lei da Paisaxe de Galiza, compriría incluir as posíbeis afeccións paisaxísticas como criterio limitante non só dos parques de nova criazón, senón tamén dos xa existentes.
ALEGACIÓN 2: Dentro dos criterios medioambientais, faise referenza no apartado aos espazos da Rede Natura con hábitats naturais prioritarios. Consideramos que como criterio de exclusión debería contemplarse a totalidade da Rede Natura 2000 en Galiza, actualmente ZEPVN (Decreto 72/2004), estén ou non presentes hábitats prioritarios. Esta consideración sí se recolle para os parques de nova criazón, e non vemos razón para que nas eventuais ampliacións se restrinxa a protección aos hábitats prioritarios. Os hábitats e especies prioritarios así como o resto de hábitats e especies que figuran nos anexos da Directiva 92/43 CEE (Directiva de Hábitats) son recoñecidos (arts. 1c e 2) como de interese comunitario, e calquera actuación sobre estes espazos require “razóns imperiosas de interese público de primeira orde” e sempre que non existan “solucións alternativas” (art. 6.4). Restrinxir os criterios de exclusión só a aquelas ZEPVN con hábitats prioritarios supón recoñecer de xeito automático que a ampliación das instalacións de acuicultura industrial constitúe unha actuación de “imperioso interese público”, o que contadí o espírito e a letra do artigo 6 puntos 1, 2 e 3 da dita Directiva 92/43 CEE.
ALEGACIÓN 3: Con carácter xeral deberían incluirse tamén como criterios de rexeitamento, tanto para a ampliación de instalacións existentes como para os novos parques, a afección a espazos naturais protexidos, calisquera que sexa a súa categoría, segundo o disposto na Lei 9/2001 de Conservación da Natureza. A este respeito, e dacordo cos apartados 1 e 2 do artigo 4, letras d) e f) do artigo 5 e apartados 1, 2 e 3 do artigo 31 da Lei de Conservación da Natureza, a criazón de parques de tecnoloxía alimentaria nos espazos protexidos do litoral galego debería supeditarse ao que marquen os Plans de Ordeamento dos Recursos Naturais (P.O.R.N.) e/ou os Plans de Conservación (P.C.) pendentes de elaboración e aprobación na maioría dos espazos naturais protexidos, susceptíbeis de acoller instalacións de acuicultura. Neste senso, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos debería agardar cando menos a que se elaboren ditos P.O.R.Ns e P.Cs denantes de declarar sistemáticamente compatíbeis “de facto” os parques de acuicultura con espazos protexidos “ex-Rede Natura”. Polo mesmo, deberiase extenter a cautela, e portanto excluir desta planificación sectorial ás eventuais zonas de amortecemento que determinen os respeitivos PORNs e PCs.
ALEGACIÓN 4: Ao igual que ocorre cos novos parques, deberían contemplarse tamén como factores de exclusión, alén dos medioambientais, outros de índole social. Deste xeito, engadirianse alén das cautelas relativas ao aproveitamento turístico, aqueloutras derivadas dos usos e actividades tradicionais tanto no mar (pesca e marisqueo) como en terra (producción agrícola ou gandeira de calidade) directamente vencellados a unha explotación sustentábel e autocentrada das potencialidades naturais do contorno, así como a posíbel afección a elementos patrimoniais ou etnográficos senlleiros.
A respeito dos criterios de aceitación e rexeitamento para os parques de nova criazón, ADEGA propón a seguintes modificacións:
ALEGACIÓN 5: Dentro dos criterios de rexeitamento ambientais deberianse incluir con carácter xeral, alén dos espazos da Rede Natura, aqueles que gocen dalgunha protección ambiental segundo a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, tal como se recolle na Alegación 3.
ALEGACIÓN 6: As afeccións puntuais permitidas nos espazos protexidos deberían estar supeditadas ao fixado polos respeitivos PORNs e/ou PRUXs, dado que a planificación sectorial se somete obrigatoriamente ao disposto na Lei 9/2001 de Conservación da Natureza. Por este motivo entendemos que non pode falarse de posíbeis excepcións para o caso de afeccións concretas (bombeos e tubos).
ALEGACIÓN 7: Incluir entre os factores de exclusión de índole social aqueles referidos aos usos e actividades tradicionais tanto no mar (pesca e marisqueo) como en terra (producción agrícola ou gandeira de calidade), directamente vencellados a unha explotación sustentábel e autocentrada das potencialidades naturais do contorno, así a posíbel afección a elementos patrimoniais ou etnográficos senlleiros.
ALEGACIÓN 8: A respeito das zonas turísticas e dos elementos do patrimonio histórico catalogados ou inventariados, deberiase establecer unha separación mínima coas instalacións de acuicultura, como acontece cos focos de contaminación ou con outras instalacións de acuicultura mariña. Esta separación non debería ser inferior a 1000 m en liña recta sobre o mar. Para calquera instalación de acuicultura industrial en terra existente ou de nova criazón:
ALEGACIÓN 9: Entre os criterios de aceitación técnico-biolóxicos deberíase incluir a obrigatoriedade de realizar un tratamento secundario dos efluentes do proceso produtivo coa intención de diminuir a carga orgánica a valores previamente fixados polo órgano ambiental e axeitar a temperatura de saída das augas á propia do medio mariño. O alto risco de contaminacion orgánica (eutrofización, parasitismo das especies salvaxes e contaminación xenética) xerada polos os efluentes das piscifatorías motivou que a CE esté a valorar incluir esta actividade (Comunicación da Comisión sobre a estratexia para o desenvolvemento sustentábel da acuicultura europea COM/2002/0511 final) na directiva sobre nitratos (91/676/CE) e na Directiva IPPC 96/61/CE. Debería exixirse pois unha monitorización en tempo real de certos parámetros físico-químicos aliás da materia organica na saída posterior a depuración, así como o seguemento periódico das comunidades animais e vexetais veciñas á saída dos efluentes. A este respeito, e segundo informou o organismo autónomo Augas de Galiza, 27 instalacións de acuicultura situadas no territorio da súa competencia, algunhas con máis de 15 anos en funcionamento, carecen aínda de permiso de vertido. Regularizar esta situación é unha condición sine qua non previa ao desenvolvemento dun novo Plano Sectorial.
ALEGACIÓN 10: Neste mesmo senso, debería ser obrigatorio a adopción de medidas complementarias encamiñadas a garantir a seguridade ambiental e a minimizar o risco de inmisión de contaminantes químicos e biolóxicos no medio, tais como a proibición de cultivar de peixes exóticos ou tranxénicos. Asemade, debería priorizarse a instalación de piscifatorías cun réxime de producción baseado na utilización de circuitos fechados de auga de mar, fronte ás que usan sistena de fluxo continuo ou lineal.
ALEGACIÓN 11: Tanto para os casos de ampliación de instalacións existentes como para a autorización doutras novas, e en concordancia co recollido no artigo 25 da Lei 22/1988 de Costas, debería estar excluida de calquera ocupación física da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre. Nesta liña se ten manifestado recentemente o Ministerio de Medio Ambiente a respeito da revisión das concesións de acuicultura en zona de servidume.
Por todo o anterior, a Asociación parta a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) solicita que se teñan en conta as anteditas alegacións ao documento apresentado, de cara á revisión do Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria.
