A Federación Ecoloxista Galega Aposta Por Un Tren De Cercanías En Lugar Da Alta Velocidade
A FEG critica o Estudo Informativo da liña de tren de alta velocidade entre Ferrol e Coruña, e o seu Estudio de Impacto Ambiental, pois alén de presentar unha serie de incorreccións, implicaría unha grave afección ao importante bosque de ribeira do río Mero e contribúe aínda máis à desor-ganización do territorio que caracteriza á conurbación Coruña-Ferrol, onde se dan trazados inde-pendentes para unha autovía, unha autoestrada e dúas liñas de tren.Dito Estudio de Impacto Ambiental presenta numerosas lagoas, incorreccións e contradiccións. Así por un lado cualifica como unha das áreas me maior valor ambiental a de “galería arbórea mixta do río Mero” para propor posteriormente, como alternativa máis valorada, a que atravesa esta ripisilva en maior número de ocasións e máis extensamente. Zona que a pesares da humanización que as últimas intervencións sobre as súas ribeiras teñen orixinado, conserva unha importancia como corredor verde que complementa xunto cos restos da fraga de Cecebre o cercano Encoro de Cecebre – Abegondo, e dado o seu novo estamento de propiedade pública mostra unha clara oportunidade de conservación para o futuro.
Define, o estudo, como vexetación de valor moi alto a as “fragas poliedicicas, carballeiras ou bosques atlánticos caducifolios ben conservados” para dicir a continuación que non existen na zona estas unidades de vexetación. Cando nos seus propios planos de síntese ambiental aparecen senllas zonas con esta cualificación, entre elas a da Fraga de Cecebre. Esta Fraga é ben coñecida non só en Galicia senón a nivel mundial a partires do libro “El bosque animado” de Wenceslao Fernandez Florez, que á súa vez ten xerado varias películas, estudos, artigos, mais libros… A Fraga de Cecebre, alén de representar un espazo de grande valor natural, posúe un alto valor cultural, paisaxístico, como recurso turístico de primeira orde e, incluso, como un recurso industrial, xa que nel se teñen rodado escenas de películas e anuncios publicitarios con certa frecuencia.
A FEG considera que calquera das dúas alternativas presentadas para o AVE Coruña-Ferrol afonda nunha desordenación do territorio que tende a fraccionalo cada vez máis, coas conse-cuencias negativas nos ecosistemas polo incremento do efecto barreira, entre outros. Esta falta de planificación fai que nun reducido territorio se dean trazados totalmente independentes para unha autoestrada, unha autovía, a vía Ártabra (aínda non executada) o tren tradicional e o tren de alta velocidade.
Alén disto, o proxecto plantea desmontar a plataforma do ferrocarril tradicional. A FEG ven cuestionando desde hai anos a necesidade do AVE, sobre todo nun tramo tan curto como o obxecto do estudo de escasos 25 km. A FEG posiciónase a prol dun tren tradicional que desenvolva sobre todo o transporte de cercanías e o de mercadorías, sen descoidar os longos traxectos cunha velocidade moderada, que precisarían de modernización das vías, electrificación e desdobramento, cun investimento inferior e un maior beneficio social que o AVE.
Dado que parece improbable que se asuman estas reivindicacións, dende a FEG proponse que os trazados das novas infraestructuras se realicen aproveitando os grandes corredores xa existentes: AP9 e A6, realizando por suposto todas as valoracións ambientais sobre estas novas alternativas.
Finalmente a FEG urxe ao Concello de Cambre e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, para que inicien os trámites para a declaración como Espazo Natural de Interese Local, ou a figura correspondente de protección contemplada na Lei 9/2001 de Conservación da Natureza tanto da coñecida como a Fraga de Cecebre como os restos de bosque que orixinaron a novela de Wenceslao Fernandez Florez, localizados entre o lugar de Piñeiro-Cecebre, a vía do tren e o encoro, incluso a protección de todo o río e as súas marxes ate a desembocadura, aproveitando que pasan a ser de Dominio Público, espazo que complementaría, dándolle un valor superior, ao Espazo Natural Protexido do Encoro de Abegondo-Cecebre, constituíndo o gran pulmón verde do contorno coruñés.
