ADEGA propón medidas de emerxencia para evitar a contaminación mariña e atmosférica
O cargamento transportado, abono NPK 15 15 15 non é moi perxudicial para o medio ambiente (é un abono que pode provocar proliferación de algas e bacterias). No entanto, ten a capacidade de reacionar os seus compoñentes entre sí provocando a descomposición do abono, reacción que produce emanación de gases tóxicos: unha mestura de vapor de auga, óxidos de nitróxeno, amoniaco, cloro e ácido clorhídrico. Estes gases son irritantes das vías respiratorias e dos ollos.
Poderían ser mortais por insuficiencia respiratoria ou provocar edema agudo de pulmón incluso 48 h despois da inhalación. A proteccíon con mascarillas é dificil pola mestura de diferentes sustancias: a presenza de óxidos de nitróxeno obrigaría a usar equipos autónomos de subministro de ar comprimido. O amoniaco precisaría de filtro tipo K e o cloro e o ácido clorhídrico filtro tipo E pero por estar mesturados co NOx sería indispensable usar o ar comprimido.
Análise das medidas adoptadas
As emanacións chegaron a afectar a sala de máquinas que tivo que ser evacuada polo que o barco quedou sen goberno. A decisión de remolcar o buque desde as 50 até as 8 millas foi correcta. Tamén foi correcto o envío de técnicos a bordo para avaliar a situación. Estes técnicos constataron que a temperatura do abono (200 º C) non afectaba a estrutura, e unha vez aberta a adega afectada non se perxudicaba á tripulación sempre que a navegación mantivera o vento en posición favorable.
As alternativas baralladas, fondear o barco na Ría de Ares ou atracalo no peirao exterior de Ferrol, parecen razoables, sempre e cando exista un plan para a extinción da reacción química e un desprazamento de unidades móbiles de control do ar atmosférico para previr a posible afectación da poboación. A opción de atracar o barco no porto da Coruña debería descartarse pola proximidade das vivendas. A mellor opción posiblemente sería fondealo na Ría de Ares que é a mais grande da zona e polo tanto a que ofrece maior distancia de seguridade.
Para extinguir ese tipo de reacción é necesaria unha lanza de auga autopropulsada que penetra na masa de abono até o foco da descomposición. Descoñecemos se os servizos de emerxencia ou a fatoría de Fertiberia na Coruña dispoñen desa lanza. De non ser así habería que reclamar unha lanza con urxencia.
Dende o punto de vista de ADEGA a decisión mais correcta sería levar o buque ao lugar de refuxio ou porto mais cercano para que se poida levar a cabo a extinción con todas as garantías. A decisión de deixar continuar o buque ao seu porto de destino (Valencia) non parece moi correcta.: o buque seguiría contaminado a atmosfera en toda a súa singladura e chegaría ao porto cun problema sen resolver. A información de última hora de que o barco solicita remolque para chegar a terra e que se atopa a 15 millas do porto de Viveiro lembra un pouco a navegación erratica do Prestige.
Proposta de actuación
Consideramos que é urxente fondear o barco nunha ría abrigada e trasladar un remolcador ao seu carón con lanza de auga autopropulsada, e desplazar as unidades móbiles de control do ar atmosférico na ría escollida para vixiar a contaminación atmosférica en zonas poboadas.
