23/02/ 2007

A Asemblea do Suído (FEG) apoia a decisión da Xunta de Galiza de desestimar a construción de tres novos parques eólicos (PPEE) na Serra do Suído

Os novos PPEE promovidos por EUROVENTO, S.L. foron desestimados pola Resolución do 29 de xaneiro de 2007 da Consellería de Industria, publicada no DOG do 6 de febreiro de 2007. A razón da denegación é a afección sobre espazos que deben ser obxecto de especial protección, xa que a Consellería de Medio Ambiente contempla incluír á Serra do Suído na rede Natura 2000. Deste xeito cúmprese unha vella reclamación do noso colectivo e vénsenos a dar a razón sobre a importancia ecolóxica da Serra do Suído e sobre a necesidade da súa preservación.

Para a Asemblea do Suído (Federación Ecoloxista Galega) a desestimación dos novos PPEE (Bidueiros fase II, Moncelo e Xesta) e a inclusión como LIC da Serra do Suído na Rede Natura 2000, son un acerto da Administración Galega. Non obstante queremos manifestar que estas decisións chegan tarde, pois EUROVENTO, S.L. xa está a construír tres PPEE na serra (Fonteavia I e II, e Bidueiros I). Isto lévanos a instar á Consellería de Industria a que faga todo o posíbel para paralizar a construción dos aínda pendentes PPEE “singulares” no Concello de Covelo (Piñeiro), para preservar a parte sur da serra nun estado óptimo de conservación.

Asemade, queremos lembrar que tódolos espazos considerados como LIC (Lugar de Interese Comunitario) e incluídos na Rede Natura 2000, están suxeitos a financiamentos especiais por parte da Xunta de Galiza e da propia Unión Europea.

A Asemblea do Suído quere lembrar que os tres grupos políticos representados no concello de Covelo (PP, BNG e PSOE), votaron por unanimidade unha moción a favor da inclusión da Serra do Suído na rede Natura 2000 como novo espazo LIC, tal como vimos reclamando dende hai anos

Polo tanto, é completamente coherente que a Xunta de Galiza acceda á nosa demanda e que para preservar os valores ecolóxicos da serra, representados polos hábitats e especies de interese comunitario, desestime a construción de novos parques eólicos, amais de outras actividades que poidan afectar a ditos valores.

Os parques eólicos en construción foron concedidos baixo licencias do anterior goberno, que sempre se negou a incluír ao Suído na rede Natura 2000. Agora a situación mudou, xa que se contempla ao Suído como futuro espazo LIC, tal como llo reclamamos á Xunta de Galiza. Aínda así por culpa da súa tardanza, EUROVENTO, S.L. iniciou a construción de tres parques eólicos. A propia Unión Europea esixiu ao goberno galego que ampliara os espazos da rede Natura, por considerar moi pobre a súa proposta e por estar insuficientemente representados determinados hábitats, como os humidais presentes no Suído, como as turbeiras, as matogueiras húmidas e os estanques temporais (todos considerados como prioritarios, é dicir, en perigo de desaparición). En consecuencia, é completamente coherente coa conservación dos hábitats e especies de interese comunitario e coa normativa vixente, a desestimación de proxectos e actividades que poñan en perigo a preservación dos mesmos.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/02/23/a-asemblea-do-suido-feg-apoia-a-decision-da-xunta-de-galiza-de-desestimar-a-construcion-de-tres-novos-parques-eolicos-ppee-na-serra-do-suido/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here