A “APDR” exixe o peche inmediato da factoría “ELNOSA”.
Según recollen os citados medios, o obxectivo da antedita entrevista non era outro que o de abrir un diálogo sobre o futuro da pranta química nos terreos de dominio público que hoxe ocupa na enseada de Os Praceres na pontevedresa parróquia de Lourizán, un futuro que, evidentemente, está hipotecado non só pola Lei de Costas, senón tamén polo feito de non ter conquerido a empresa electroquímica a preceptiva “Autorización Ambiental Integrada” (AAI).
En efecto, a fábrica de ELNOSA, está obrigada ao cumprimento da Lei 16/2002, que condiciona a continuidade das actividades industriais contaminantes á posesión desta autorización, e que fixa para as instalacións fabrís existentes con anterioridade á aplicación da Lei –é o caso de ELNOSA- os seguintes prazos:
1º.- Con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007, deberán ter solicitado a AAI.
2º.- Con anterioridade a outubro de 2007, deberán estar en posesión da antedita AAI.
O incumprimento dalgún destes prazos implica, xa que logo, o fin da actividade industrial.
Pois ben, ELNOSA, que ten solicitado en tempo a AAI á Xunta de Galicia, non vai dispor dela en prazo, xa que non ten conquerido o informe favorabel do Concello de Pontevedra, que alega –entre outros- aspectos urbanísticos e medioambientais para a súa negativa.
Desde a APDR, que temos presentado en tempo e forma alegacións contrarias á concesión da AAI á fábrica de ELNOSA, apoiamos a decisión do Concello de Pontevedra de informar negativamente a autorización, unha decisión que se axusta á Lei e que defende os intereses da sociedade da bisbarra pontevedresa no seu conxunto fronte ás pretendidas prebendas dunha empresa que se por algo se ten caracterizado ao longo da súa historia é pola falta de respeto pola cidadanía e pola continuada agresión ao medio ambiente, aos recursos naturais, á economía da bisbarra e á saúde e calidade de vida das persoas.
Neste sentido, na APDR non poderíamos entender nengunha ampliación de prazos como se insinúa nalgún medio de comunicación, e xunto coa sociedade pontevedresa – que ven loitando desde hai xa demasiado tempo polo saneamento e recuperación da Ría para a creación de postos de traballo derivados da explotación racional dos recursos turísticos, marisqueiros, pesqueiros e forestais, por un medio ambiente máis limpo e por unha maior calidade de vida- exiximos o peche inmediato e definitivo das instalacións da empresa ELNOSA, unha empresa que nen sequera tivo a vontade de mudar a súa tecnoloxía, absolutamente obsoleta e rexeitada xa no mundo desenvolvido, por outra menos danina para os seus traballadores e traballadoras e para a cidadanía no seu conxunto.
Pero ao tempo, queremos chamar a atención sobre o feito de que tamén ENCE incumpre as condicións exixidas para a concesión da AAI, e que como ELNOSA está obrigada pola lei a dispor da AAI con anterioridade a outubro de 2007 parao que tiña que tela solicitado antes do 1º de xaneiro deste ano, un aspecto que na APDR entendemos non se ten producido e que daría lugar ao fin da actividade industrial tamén na fábrica de pasta de papel de Lourizán. Animamos ao conxunto da sociedade a non baixar a garda fronte as pretensións dos direitivos de ENCE-ELNOSA de continuar en Lourizán e a mantermonos xuntos nesta longa loita, pois deste xeito, con seguridade que imos rematar coa agardada victoria do ben común fronte aos privilexios duns poucos.
