O recente plano de acción contra os vertidos anunciado pola Consellería de Medio Ambiente ven dar resposta ás demandas da sociedade galega, que tivo que levar unha ILP ao parlamento para que se respectaran os nosos ríos. ADEGA quere felicitar á consellería e lembra que hai aínda moito traballo pendente: a parte do león son os vertidos urbanos a caño libre ou provintes de "depuradoras" ineficientes e obsoletas, que en non poucos casos teñen autorización de Augas de Galiza!
En opinión de ADEGA, a política de "quen contamina, paga" está obsoleta. Para algunhas industrias irresponsábeis este principio transfórmase en "contamino porque pago". Prodúcese daquela unha evidente inxustiza e un agravio comparativo: agravio comparativo porque aquelas empresas que cumpren cos seus deberes ambientais, ven como outras teñen "patente de corso" para seguir contaminando recurrentemente se pagan as multas.Inxustiza porque esas empresas insolidarias pretenden externalizar parte dos seus custos á sociedade, vertendo directamente ao medio ambiente ou facendo uso da rede pública de sumidoiros.
Poñer couto a estas práticas, ou o que é o mesmo, facer cumprir as leis que deben ser igual para todos/as, debería ser un obxectivo irrenunciábel de todas as administracións con competencias sobre os nosos ríos. Éo tamén, rematar coa impunidade dos contaminadores e facer que quen enxurre os ríos deixe de facelo, ou deixe de producir. Lamentábelmente, até o de agora o organismo público Augas de Galiza, responsábel de garantir a calidade dos nosos ríos e rías, non foi máis que un ente meramente recadatorio exemplo de ineficiencia e desleixo.
Neste senso, ADEGA apoia as medidas da consellería encamiñadas a millorar a saúde dos ríos e rías galegas aumentando os controis sobre os vertidos. Iniciativas como a medición en continuo, unha máis ampla rede de vixianza, pasando polo endurecemento das multas e autorizacións máis rigorosas (lembremos que, por exemplo, case todas as piscifatorías da costa galega funcionan dende hai anos sen permiso de vertido), son medidas propostas xa por ADEGA dende hai tempo.
No entanto, cómpre lembrar que o groso do problema dos vertidos provén das vilas e cidades: moitas das augas residuais vértense ao medio sen práticamente n¡ngún tratamento. En moitos casos, as depuradoras ficaron obsoletas ou están sobardadas polo enorme volume de efluentes que se xeran, transformándose en parte do problema. As novas estacións que se constrúen, baseadas nun modelo centralizado e ineficiente, non responden ás características da poboación galega. A alta dispersión dos núcleos fai necesario habilitar quilómetros de sumidoiros e ducias de bombeos necesarios nun tratamento centralizado, cun alto custo enerxético que poucos concellos poden afrontar. Non son raros os casos de depuradoras inauguradas e que non chegaron a tratar nin un metro cúbico de efluente.
Neste senso, ADEGA propón unha reflexión sobre o modelo de xestión da auga en Galiza e o tratamento dos refugallos líquidos urbanos. Coidamos que a solución do problema non pasa por máis tratamentos finalistas, por moito que dada a situación actual cómpre tomar medidas urxentes antes de non facer nada. Primeiro, hai que apostar por unha política forte de aforro e eficiencia no consumo de auga para producir menos residuos xa dende o fogar. E á hora de tratar os vertidos xerados, apostar por tecnoloxías descentralizadas, de baixo custo e gasto enerxético, e con baixa xeración de lamas, combinando o uso de sistemas pechados e compactos (biodixestores anaerobios) coa depuración natural das zonas húmidas construídas.