Nova quenda de prantacións de ADEGA e o dispositivo do Voluntariado en Defensa do Monte no Barbanza
Este sábado día 17 prantaremos preto de 1500 árbores de especies autóctonas nos montes da CVMMC de Santa Cruz de Lesón
Este vindeiro sábado día 17, ecoloxistas e voluntarios/as coordenados por monitores do programa “Vive en Defensa do Monte Galego” de Vicepresidencia, levarán a cabo a terceira fase da prantación que ADEGA, en colaboración coa CVMMC de Santa Cruz de Lesón (Pobra do Caramiñal) ten proxectado nos montes do Barbanza afectados polo lume.
O acto desenvolverase a partir das 11 da mañán nos terreos que a mancomunidade de Lesón ten preparados na serra do Barbanza, a uns 2,5 kilómetros do miradoiro da Curota e durará todo o día.. Os traballos deste sábado centraranse na prantación de árbores e arbustos nos terreos queimados, en labores de loita contra a erosión e outras intervencións relacionadas cos ecosistemas forestais e cos impacto dos lumes.
A prantación forma parte dun proxecto de ADEGA financiado pola empresa IMC Cosmetics-Fixonia, no marco da campaña “Prantao”. Esta empresa aportou os fondos precisos para a adquisición das árbores: castiñeiros híbridos, cerdeira brava, bidueiro, carballo, freixo e chopo, entre outras.
ADEGA ven desenvolvendo dende o ano 2003 labores orientadas cara unha xestión sustentábel dos montes da Península do Barbanza, unha das comarcas máis afectadas polo lume, en colaboración cos diversos sectores (comunidades, sociedades de caza, veciños/as e concellos), con intereses no monte.
O obxectivo ofrecer alternativas ao actual modelo de explotación do monte baseado case exclusivamente no monocultivo de pirófitas (eucalipto e piñeiro), un dos factores desencadenantes do problema dos lumes.
Esta actividade é aberta a todas as persoas interesadas. Animádevos!
Nota: estas actividades poden adiarse por cuestións meteorolóxicas.
