ADEGA invita a cidadania a celebrar o día forestal
Dez ideas para celebrar o día da árbore (sen plantar unha árbore).
O día da árbore é xunto co do medio ambiente unha das celebracións máis arraigadas e extendidas nas actividades a favor do medio. O Día Forestal Mundial ou a Día Internacional das Árbores celabrada cada 21 de marzo coñecida como a “Festa da árbore” conta cunha fonda tradición e a súa orixe faría remontarnos ás primeiras décadas do século pasado. Estas celebracións tiñan unha forte compoñente didáctica, de feito muitas delas estaban promovidas por entidades pedagóxicas, cívicas ou concellos, coa intención de impulsar a protección e cuidado das árbores. As actividades realizadas ao redor da Festa eran moi variadas e aínda que actividades como plantacións e edicións de folletos alusivos á defensa dos bosques semellen algo moi de hoxe, o certo é que vai máis alá de cen anos a historia deste acontecemento que como outros moitos a guerra civil se encardou de borrar. En certa maneira nestes acontecemento está a orixe do ecoloxismo actual.
O habitual nesta tradicións é a plantación de árbores por parte de colexios e autoridades (como fai máis de cen anos) e a reivindicación de melloras no tocante á defensa das masas forestais dende os grupos ecoloxistas e conservacionistas. Nomeadamente neste día as demandas de Adega son: a elaboración dun Novo Plan Forestal para o século XXI (como vimos pedindo dende a ILP Forestal do ano 1989 ).
Porén, os tempos van cambiando e hoxe en dia aínda que a todos e todas nos gustaría contribuir nesta data coa plantación dunha árbore, a realidade é que moitas veces non podemos por cuestión de tempo ou mesmo de espazo físico para facelo. Dende ADEGA apuntamos 10 ideas para realizar no día da árbore que redundan en beneficios para as masas forestais sen ter que sair ao monte a plantar un carballo ou un castiñero.
1º Usa papel reciclado: o papel reciclado evita que se corten árbores. Levar o papel vello ao contentor azul e mercar e empregar papel reciclado habitualmente evita que se teñan que cortar novas árbores, realizar monocultivos… así como aforrar enerxía e auga. Hoxe en dia existen moitas calidades e tipos de presentación de papel reciclado; reciclado normal, para fotocopiadora, en cadernos, etc, a un precio semellante ao papel de pasta de árbore. Non debemos confundir o papel reciclado co ecolóxico, este último é o que se realiza con pasta virxe de árbore pero se blanquea sen cloro, producto moi contaminante.
2º Solicita unha compra verde de papel reciclado ao teu concello, empresa, etc: as compras verdes implican criterios medio ambientais xunto aos de adxudicar a compra dun ben/ou servizo a un licitador. Para facilitar as mercas sustentabeis referidas ao papel as empresas, concellos, etc, poden propoñer diferentes criterios ambientais: revisar as especificacións de compra e contratos, demandar aos proveedores información sobre alternativas ecoloxicas, etc. Gobernos como o de Aragón ou Catalunya xa o fixeron, e concellos como Zaragoza, Barcelona, Cordoba, Pamplona, etc, ou as Universidades de Valencia, Autonoma de Madrid, Politecnica de Barcelona…tamén. ¿Para cando unha entidade galega nesta listaxe?. Se tes un posto de responsabilidade pon en marcha esta iniciativa senon, demándaa.
3º Apuntate ao voluntariado forestal: o voluntariado ambiental é unha das maneiras que a cidadanía ten de participar na conservación do medio. Dende diversas administracións, consellerías, concellos, universidades, etc estanse a realizar actividades de voluntariado para a recuperación e mantenemento do noso patrimonio forestal. Apuntate, ademáis de plantar poderas facer tarefas de vixiancia, limpeza, etc, hai moitas maneiras de conservar o noso patrimonio forestal.
4º Merca productos co selo FSC: a eco-etiqueta FSC que lucen algúns productos indica que procede dunha explotación forestal ambientalmente apropiada, socialmente xusta e económicamente viábel. A finalidade desta certificación é mellorar a xestión dos bosques e asegurar un mercado para estes produtos.
5º Que as árbores non te impidan ver o monte, e as dunas, e as matogueiras…: as árbores son as especies típicas que se plantan neste día forestal, pero pensa que o bosque é un ecosistema máis dos moitos que temos na nosa terra (dunas, turbeiras, montañas, etc). Se non podes celebrar hoxe o dia da árbore seguramente poderás participar outro día en proxectos de recuperación de flora dunar, repoboación de bosques de ribera ou na eliminación de especies invasoras.
6º Evita as madeiras tropicais: a hora de mercar un moble evita as madeiras tropicais, moitas delas proceden da extracción ilegal, nas que ademáis de arrasar con bosques enteiros expulsan as poboacións indixenas que dende fai centos de anos ocupan esas terras. Merca mobeis antiguos, de segunda man ou de plantacións co selo FSC.
7º Reusa madeira vella: a hora de facer traballos da horta ou no xardín emprega madeiras vellas ou usadas. As táboas dun palé usado ben poden empregarse para facer un pequeno valado ou un composteiro. Recorda que o “R” de reusar é a seguinte en importancia logo do “R” de reducir.
8º Reivindica plantacións con árbores autóctonas: antes de organizar unha plantación pensa que especies vas plantar, onde, consigue os permisos e mira a lexislación sobre os espazos ate as casas, as fontes, etc. Moitos concellos están a sacar ordenenzas municipais nesta liña.
9º Colabora na eliminación de especies invasoras: moitas especies alóctonas están a desprazar e invadir espazos de vexetación autoctona. Colabora na erradicación de especies invasoras, moitas entidades están a traballar nesta liña.
10º Faite socio dunha entidade ecoloxista: a participación nunha entidade ecoloxista é unha maneira máis agradábel e proveitosa de loitar contra as agresións ao medio. En compaña os traballos son mais levadeiros e xunto podemos facer máis cousas. Os incendios forestais, as talas indiscriminadas, os monocultivos, a perda da fertilidade do chan, e otras actividades humanas está a reducir de maneira considerábel os bosques. Dende o ecoloxismo sumando forzas podemos evitalo. Apuntate a ADEGA.
Estas ideas non son incompatibeis coa plantación dunha árbore nestes día a reivindicar.
