ADEGA e o Proxecto Ríos celebran o Día Mundial da Auga
Neste día ADEGA e o Proxecto Ríos queren resaltar, como veñen facendo durante o resto do ano, a importancia da educación ambiental e da participación social como ferramenta fundamental para acadar a sustentabilidade. O Proxecto Ríos, ven a cubrir un baleiro existente na Galiza respecto a participación cidadá no ámbito fluvial, tal e como se recolle na Directiva Marco da Auga (DMA). Facemos nosas as posibilidades de participación que ofrece esta Directiva Marco, comprometéndonos a extender dinámicas participativas que permitan achegar á cidadanía unha Nova Cultura da Auga.
Este mesmo xoves 22, comemorando este día e dentro do programa de Educación Ambiental que desenvolve ADEGA en colaboración co concello de Santiago de Compostela, imos realizar no CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela) actividades centradas neste recurso. Os/as alumnos/as dos centros de ensino realizarán actividades lúdicas relacionadas coa auga. Unha charla introductoria sobre diversas cuestións da auga e as súas peculiaridades, serán o preambulo de actividades lúdicas relacionadas con este limitado elemento. Un dominó sobre a auga será a maneira coa que os alunmos de 2º e 3º de primaria se achegarán a este recurso: cada alumno/a xogará as súas pezas para completar o ciclo da auga humanizada, captación, potabilización, almacenamento, consumo e usos, depuración, etc.
Tamén 24 de Marzo, realizaremos un roteiro, dentro do progama do Proxecto Ríos, Roteirríos 07, que nos levará a Ponteareas, onde en colaboración coa asociación ecoloxista ADENCO, realizaremos un roteiro a pé polo río Tea e o seu afluínte o Uma. Este percorrido servirá para reivindicar os ríos galegos, así como tamén para defender un modelo de transporte sustentábel, posto que nos catro “roteirríos” empregaremos medios de transporte ecolóxicos e sustentábeis (en bus, a pé, en bici e en canoa). A saída farémola dende a estación de autobuses de Santiago de Compostela ás 9.00h.
