23/03/ 2007

Nin un euro máis para o eucalipto!

Filed under: Montes e incendios

O recente Decreto 105/2006 polo que establecen determinadas medidas para a prevención dos lumes forestais supón un notábel intento por achegar racionalidade e aumentar a seguranza das explotación forestais, e deste xeito atallar algúns dos factores responsábeis dos incendios. No entanto, ADEGA quere chamar a atención sobre a contradicción que supón apostar por unha política forestal sustentábel e ao mesmo tempo, insinuar a posibilidade de axudas ao eucalipto (ver artigo 27.2.A). Subvencionando eucaliptos non se preveñen os lumes!


En vésperas do Día Forestal Mundial (21 de marzo) queremos chamar a atención sobre un dos factores que están detrás da problemática dos lumes en Galiza: o monocultivo do eucalipto. Esta especie, usada fundamentalmente para a producción de pasta de papel, ocupa grandes prantacións monoespecíficas ou masas mixtas con piñeiros, desprazando progresivamente á vexetación autócnona. Sabemos tamén, que esta é unha especie pirófita, moi resistente ao lume e que precisa dos incendios para estenderse de xeito natural, eliminando a competición coas frondosas do país.
    Nos últimos anos, o prezo desta madeira caíu en picado (até un 40%) facendo moi baixa a rendibilidade duns montes que cos eucaliptos, apenas xeran outros recursos. Deste xeito, os baixos ingresos dalgunhas comunidades colócannas nunha situación precaria da que é moi difícil saír, xa que paradoxalmente, non se pode prescindir do eucalipto se se quere seguir contando con algún ingreso. Neste senso, é fundamental promover dende a administracións alternativas sustentábeis ao eucalipto para a explotación forestal que pasen pola diversificación das especies, a ordenación dos usos e as novas fontes de ingresos, entre outros factores, alén de por suposto o control do eucalipto.

    No noso país, ADEGA ven mantendo unha reivindicación histórica para racionalizar o cultivo do eucalipto nos nosos montes, favorecendo esta diversificación das especies forestais e promovendo novas alternativas para o aproveitamento sustentábel da floresta. No entanto, o principal axente eucaliptizador dos nosos montes, NORFOR (unha filial de ENCE) goza do selo FSC, certificación que recoñece ás explotacións forestais "sustentábeis". Por diversas razóns, ADEGA e outros grupos ecoloxistas teñen solicitado a retirada do selo FSC a Norfor, mais son as administracións as que deberían establecer condicións máis restritivas para impedir a extensión do eucalipto e "desenganchar" a moitas comunidades de montes da súa ruinosa explotación.
    Por iso, ADEGA olla con preocupación o fío legal deixado solto no Decreto 105/2006 de medidas preventivas contra o lume, que no seu artigo 27.2.A fala da regulamentación das repoboacións: para as especies de crecemento rápido do Anexo VIII (Eucaliptus e Populus) fíxase unha distancia mínima de 50 m ás vivendas, que debe ser de 100 m se se quere optar a axudas para repoboacións. Neste senso, coidamos que sería máis acaído  e clarificador non facer referenza a esta "bonificación" por distancia, porque implícitamente recoñécese a posibilidade que as subvencións vaian precisamente ás repoboacións con Eucaliptus e Populus.

 

Con todo, ADEGA acolle moi favorabelmente as medidas contidas neste decreto: a prevención, a protección, a regulamentación dos aproveitamentos e o control das repoboacións repercutirán no descenso dos incendios en Galiza. No entanto, botamos de menos unha maior ambición e sobre todo unha maior claridade á hora de pecharlle as portas ao eucalipto. Por iso, exiximos o compromiso da Consellería do Medio Rural de que non haxa nin un euro dos cartos públicos para o eucalipto nas ordes de subvencións para repoboacións.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/03/23/nin-un-euro-mais-para-o-eucalipto/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here