Concurso Internacional de fotografía sobre Medio Ambiente
A “Asociación Pola Defensa da Ría” quere
facer chegar á opinión pública en xeral, e dun xeito moi particular ás persoas interesadas pola fotografía, a información sobre o “Concurso Internacional de Fotografía sobre o Medio Ambiente” que ven de se convocar desde a cidade arxentina de Gualeguaychú como unha actividade máis da súa loita contra a instalación das fábricas de pasta de papel que ENCE e BOTNIA tentan ubicar no veciño Uruguai. O prazo de presentación de orixinais rematará o vindeiro 20 de abril.
Na organización do Concurso, que se centrará na fotografía sobre as distintas fábricas de pasta de papel existentes no mundo e sobre a problemática ambiental e social que a presencia destas fábricas xeneran, participa activamente a “APDR”; en efecto, o presidente da APDR, Antón Masa, é membro da antedita comisión e forma parte tamén do xurado na categoría de “maiores non profesionais”, polo que quere animar aos pontevedreses e pontevedresas a enviar fotografías sobre a fábrica de ENCE en Lourizán e sobre a loita da sociedade civil da nosa bisbarra pola súa desaparición e a recuperación da Ría para o desenvolvemento económico da zona e para mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas.
Pero Pontevedra non estará representada neste Concurso só pola presencia da “APDR”, senón tamén pola presencia no xurado correspondente á categoría de “maiores profesionais” do Dr. Manuel Sendón, profesor de fotografía na Facultade de Belas Artes e do pontevedrés Mario Iglesias, Dr. en Belas Artes e cineasta recoñecido internacionalmente pola realización e direción de máis de 20 curtometraxes e que na actualidade está a rodar a súa 2ª longametraxe, que participará no xurado da categoría de “maiores non profesionais”.
Como arquivo xunto, engadimos a información inteira acerca do Concurso e animamos a todos os medios de comunicación a axudar na convocatoria e aos/ás fotógrafos/as profisionais ou afecionados a participar no mesmo.
