Ante a profusión de noticias contradictorias aparecidas recentemente nos medios a respeito da desaparición das abellas en Galiza e noutras partes do planeta, ADEGA e AGA (Asociación Galega de Apicultura) témolo claro: os pesticidas sistémicos neurotóxicos son os principais responsábeis, como o demostran os estudos realizados en Franza xa dende 1995. De continuar co seu uso, estamos as portas dunha crise ambiental de incalculábeis consecuencias para a vida no planeta. Xa o dixo Albert Einstein: “Sen abellas non habería alimentación para o home, as abellas son a base da vida na terra”.
Hai abelleiros/as que pensan en enfermidades para explicar o despoboamento das colmeas, porque así haberá un tratamento. Pero as enfermidades son as mesmas de sempre e a catástrofe non acadou as dimensións actuais. No entanto, o problema para os abelleiros/as é só unha pequena parte: as consecuencias poden ser catastróficas para os agricultores que ven como descenden as súas colleitas dun xeito drástico pola falta de polinizadores, por isto saltou a alarma en Estados Unidos.
E para ao medio ambiente e a sociedade en xeral é unha catástrofe porque imos aistir a desaparición de moitas plantas que non poden vivir sin a presenza das abellas para ser polinizadas. Só hai unha saída, prohibir estes pesticidas neurotóxicos e promover unha agricultura respectuosa co medio ambiente. Non podemos agardar máis. Primeiro serán as abellas, pero no cabo da cadea estamos todos e todas!
Ante este problema, ADEGA e a AGA queren expresar o seguinte:
Despois de 10 anos de sufrirmos a calamidade da desaparición masiva das abellas de Galiza, estamos en condicións de concluir o seguinte:
1.-¿Onde desaparecen as abellas? Primeiramente, os territorios máis afectados foron aqueles onde se práctica unha horticultura ou fruticultura máis profesionalizada, onde supostamente se realizan todos os tratamentos e coidados recomendados por técnicos entendidos na materia.
2.- En segundo lugar, e máis tardíamente, apareceron apiarios moi afectados preto de leiras de millo, sementado coas sementes tratadas con imidacloprid e/ou fipronil, normalmente millo forraxeiro para comida do gando. O problema tamén apareceu, puntualmente, en zonas de monte. A esta localización foi a máis difícil de lle dar unha interpretación, pero a día de hoxe podemos decir que se trata de zonas onde se fumigaron eucaliptos e tamén en zonas onde se sementaron cereais tratados de palla no monte, trigo ou centeo.
3.- Queda algún caso que aínda non temos certeza das causas, pero teñamos en conta que os contaminantes viaxan pola terra, polas augas e polo ar; ahí podería estar a explicación.
Coméntase que en Franza, despois de dous anos de prohibición destes pesticidas neurotóxicos a cousa non mellorou dabondo. No entanto, debemos ter conta que estes produtos (os pesticidas neurotóxicos) só foron prohibidos nas sementes do xirasol e millo, pero non nos hortos nin nos cereais de palla etc.
Precisamente en Franza, a UNAF leva algúns anos cun programa que se chama “As abellas, sentinelas do medio ambiente”, que consiste en colocar abellas en parques e xardíns, e mesmo en terrazas, das cidades, e comprobaron que estas abellas van ben, son moi produtivas e non teñen este problema de despoboamento.
Sobre a posibiliade de que sexan enfermidades "tradicionais", acontece que cando se envían mostras de abellas aos laboratorios, estes contestan sempre con frases coma, negativo á loque, positivo á varroa etc. dependendo se atopan ou non o axente causante da doenza. Pero eso non quer dicer que o enxame morrera desa doenza, simplemente que a atoparon. En colmeas afectadas polo despoboamento atopamos bastantes casos de loque, pero a causa da desparación non é a loque, porque as abellas que invernan terían que chegar a primavera e non desaparecer no medio do inverno como acontece. No caso da varroa, o laboratorio case sempre diagnostica varroa, pero non se pode interpretar que morreran deste mal. Tamén se diagnosticou nosema en abellas de colmeas despoboadas, pero só se pode afirmar que teñen nosema, igual que teñen varroa ou nalgúns casos loque pero nada máis.
MEDIDAS PALIATIVAS:
No día de hoxe, e coa experiencia adquirida podemos recomendar algúns métodos ou parches para salvar a situación, á espera de que sexan retirados do mercado os pesticidas neurotóxicos que son “moi perigosos para as abellas” segundo reza a etiqueta que lle poñen os laboratorios fabricantes En primeiro lugar, recomendase localizar o apiario noutro lugar, ao terse observado que apairios próximos non teñen o problema sería suficiente facer traslados a zonas próximas non afectadas. Para aqueles abelleiros que non teñen a posibilidade de trasladar o apiario, propoñemos un método que xa está comprobado e con moi bós resultados en Bélxica, e que consiste en realizar núcleos das propias colmeas para repoñer ó ano seguinte as baixas.
RECLAMACIÓNS DE ADEGA E AGA:
Ecoloxistas e abelleiros/as sabemos que non pode haber abellas sanas nun medio ambiente enfermo, e que nun medio ambiente enfermo tamén se resinte a saúde humana. Portanto, máis aló de realizar cantos estudos epidemiolóxicos sexan precisos, coidamos que fica suficientemente demostrada a relación entre a perda da cabana apícola e o uso dos pesticidas sistémicos neurotóxicos. A única solución a esta situación é a prohibición destes pesticidas xa que se trata dun problema que atenta contra as abellas, o medio ambiente, a biodiversidade e a saúde pública.
Reclamamos das administracións a adopción de medidas urxentes tendentes a proibir ou cando mebnos reducir o uso destes produtos na agricultura, orientando a producción agraria cara modelos alternativos, máis sustentábeis.
Estas medidas non atinxen únicamente ao sector agrario ou agro-alimentar, competencia de Medio Rural: deberían implicarse o resto das consellerías que como Sanidade ou Medio Ambiente tamén teñen algo que dicir, xa que se está en xogo saúde pública e ambiental. A este respeito, expresamos a nosa preocupación porque na Orde do 8 de marzo de 2007 (DOG nº 61 do 27 de marzo) da Consellería de Medio Ambiente que dispón axudas para a millora de hábitat da perdiz, se contempla a realización de sementeiras de cereal, sementes que en moitos casos veñen xa tratadas con pesticidas. A este respeito, pedimos a Medio Ambiente que sexa máis coidadoso e non subvencione a dispersión de sementes tratadas con neurotóxicos nos montes, polas terríbeis consecuencias sobre as abellas e o medio ambeinte en xeral.