02/05/ 2007

XXXII Asemblea de ADEGA: novos reptos do ecoloxismo galego

Filed under: Convocatoria

Os pasados días 28 e 29 de abril no Teatro García Barbón en Vigo, ADEGA celebrou a súa XXXII Asemblea Xeral. Fixemos repaso do noso traballo no 2006 e apontamos os reptos que nos quedan por abordar no futuro inmediato. O evento, que foi inaugurado pola presidenta Adela Figueroa, abriuse coa conferenza dos compañeiros da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, que fixeron un detallado relatorio da problemática ambiental da ría. A actividade central xirou arredor de catro mesas de traballo nas que se trataron algunhas das temáticas fundamentais do eido medioambiental galego: a Rede Natura, residuos e saúde ambiental, cambio climático e a proxección do ecoloxismo á sociedade.

  Destes grupos de traballo xurdiron algunhas das propostas de actuación que a asociación ecoloxista ten concebidas como reptos para este ano. Un deles será o de dar a coñecer e poñer en valor os espazos de Rede Natura, así como potenciar a rede de custodia de espazos protexidos que ADEGA puxo en marcha a comezos de 2007. Dar pulo aos valores do patrimonio xeolóxico galego presente nestes espazos e pedir unha moratoria para as canteiras a ceo aberto son outras das propostas que se sinalan nesta área de discusión.

  No tocante ao modelo de xestión dos refugallos en Galiza, os ecoloxistas avogarán polos plantexamentos históricos de compostaxe, comarcalización, corresponsabilidade e o cumprimento das 3 R (redución, reutilización e reciclaxe), fronte a proxectos insostibles e reiterativos coma o polígono ambiental do Sur, en Carballeda de Avia, proposto pola Xunta de Galiza. Trátase dunha instalación centralizada e, polo de agora, pouco concreta e, presumiblemente, continuista co modelo de xestión de SOGAMA.

  ADEGA cre que para abordar o cambio climático en Galiza é preciso que sexan as instalacións máis contaminantes as que reforcen a redución das emisións, así como potenciar o uso do transporte colectivo e dos camiños de ferro. A asociación seguirá moi de preto a instauración en Galiza de novas formas de enerxía, coma son os biocombustíbeis, que tamén ofrecen aspectos controvertidos para a nosa sociedade. No panorama enerxético, ADEGA reclamará a retirada, redución ou restauración daquelas instalacións eólicas situadas en lugares de especial valor ecolóxico, de xeito que prime a conservacion da natureza fronte a produtividade enerxética dos sectores privados.

  Sobre a ordenación territorial, reivindicaremos a redacción urxente dunha Lei de Protección do Litoral e a derogación da polémica modificación da Lei da Costas aprobada polo Partido Popular en 2002, que permite actuacións insustentábeis na marxe costeira. Tamén avaliaremos as consecuencias ambientais do novo Plano Acuícola, tendo presente outras problemáticas do litoral, como a contaminación, a degradación das rías, e a situación do sector pesqueiro tradicional.

  No eido forestal, a agrupación ecoloxista seguirá apoiando a participación de voluntarios e voluntarias nas tarefas de vixianza e disuasión contra o lume e intentará aportar criterios de sustentabilidade na nova Lei de Montes para que especifique os usos económicos e conservacionistas dos montes galegos, así coma un novo Plano Forestal.

  Os participantes no acto analizaron ademais as consecuencias do uso de agrotóxicos na agricultura convencional, as posibles causas da extendida mortandade das abellas e outros aspectos lexislativos que inciden directamente na biodiversidade do noso territorio.

  O domingo, ADEGA congregou a máis dun cento de persoas nun roteiro polas Illas Cíes, que encabezaron o lema “Pola protección do patrimonio natural de Galiza”.

PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN:
1. Saneamento da ría:
o saneamento integral da ría de Vigo debe ser unha prioridade das administracións públicas.
2. Residuos: esiximos un novo modelo para o tratamento dos refugallos do sur de Galiza baseado na descentralización, na reciclaxe e na compostaxe da materia orgánica.
3. Loita contra o cambio climático: esiximos o potenciamento do transprte ferroviario fronte á ineficiencia do transporte por estrada, como medida para contribuir a loitar contra o cambio climático.
4. Rede Natura: esiximos das administracións públicas a protección efectiva da Rede Natura, fomentando a participación da poboación local na defensa e no aproveitamento sustentábel deste patrimonio natural, un dos nosos principais sinais de identidade.
5. Forestal: reclamamos a redacción dun novo Plano Forestal centrado na defensa e a promoción do bosque autóctono galego como alternativa ao modelo insustentábel baseado no monocultivo de especies pirófitas.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/05/02/xxxii-asemblea-de-adega-novos-reptos-do-ecoloxismo-galego/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here