A ondada depredatoria, o feísmo e a violencia catastral
Leo en El Progreso de Lugo unha magnífica crónica de alcance mundial. Trata do urbanismo en Barreiros, na costa da Mariña, e infórmase dos preparativos dunha mobilización de veciños, comandada polo señor alcalde, contra as medidas de control urbanístico e protección do litoral que está a tomar o Goberno que preside Touriño. Mais o sorprendente e novidoso non é o anuncio dunha manifestación, senón a razón esgrimida e que mesmo podería servir de lema: "Nós tamén queremos ser multimillonarios".
