11/05/ 2007

Verdegaia presenta propostas para facer municipios sustentables

Filed under: Xestión Ambiental

Os concellos, as administracións con menor sensibilidade ambiental, están a contribuír á que Galicia sexa cada vez máis insustentable


A celebración das eleccións municipais do próximo 27 de maio é unha boa oportunidade para que a cidadanía e os partidos políticos reflexionemos sobre a situación ambiental e a sustentabilidade e sobre a súa relación coas políticas municipais. Para contribuír ao debate, a asociación ecoloxista Verdegaia presenta un conxunto de propostas para mellorar a nosa calidade de vida desde os Concellos de forma sustentable. En xeral, as administracións locais galegas teñen moi pouca sensibilidade ambiental e están a contribuír moito para que Galicia avance nun sentido contrario ao desenvolvemento sustentable.

Os concellos galegos non están a asumir a súa parte de responsabilidade na defensa do medio ambiente e na promoción do desenvolvemento sustentable.  O máis común é que, contradicindo a súa cada vez máis frecuente retórica “verde”, as administracións municipais contribúan a agravar a deterioración ambiental e a afondar na insustentabilidade, tanto a nivel local e galego como global, por exemplo, impulsando crecementos urbanísticos excesivos e/ou dispersos, fomentando de diversas formas o uso do vehículo privado, optando preferentemente polo vertido ou a incineración como sistemas de tratamento dos residuos urbanos, destruíndo zonas de alto valor ecolóxico ou permitindo altos niveis de ruido nalgunhas rúas.  A concepción do desenvolvemento que prevalece é resesa, localista e curtopracista e atende máis aos intereses privados que aos colectivos.

A acción ou inhibición dos concellos galegos ten moito que ver con problemas como a degradación e destrución crecente do territotorio, o forte aumento das emisións galegas que provocan o cambio climático, os baixos niveis de reciclaxe do lixo, a ineficiencia no uso da auga, a contaminación dos ríos e rías, os incendios forestais ou a exposición de parte da poboación a niveis elevados de ruido.

Verdegaia presenta un conxunto de propostas dirixidas aos concellos galegos que mellorarían a calidade de vida dos veciños e veciñas asegurando un desenvolvemento ecoloxicamente sustentable, socialmente xusto e economicamente viable. As propostas agrúpanse en diversos apartados: planificación para a sustentabilidade (Axenda 21 local), urbanismo, transporte e mobilidade, enerxía e cambio climático, lixo, auga, conservación da natureza, monte e incendios, transxénicos, defensa animal, cooperación ao desenvolvemento, contratación pública, e información, educación e participación. A continuación destacamos algunhas delas:
Desenvolver un proceso de Axenda 21 local ou comarcal, cun forte respaldo político do goberno municipal, vencellado ás estratexias de sustentabilidade supralocais e de xeito amplamente participativo.
Axustar o crecemento urbanístico ás necesidades reais da poboación. Para iso, adoptaranse medidas como, por exemplo, planificar os novos crecementos arredor dos núcleos de poboación existentes, renunciando á construción de novas urbanizacións illadas, ou priorizar o aluguer e a  rehabilitación sobre a propiedade e a construción de novos edificios.
Desenvolver un Plano de Mobilidade Sustentable para reducir o número de vehículos en circulación a través dunha dobre estratexia: disuadir do uso do automóbil privado e simultaneamente dar facilidades para os medios sustentables (camiñar, bicicleta, transporte colectivo).
Promover o aforro de enerxía,  facendo do concello un exemplo de boas prácticas e estimulando o aforro en fogares, comercios e empresas do municipio.
Priorizar as políticas de prevención e redución do lixo, promover a compostaxe e a reciclaxe a través de plantas comarcais e renunciar á incineración, demandando á Xunta a reconversión do complexo de SOGAMA para que deixe de incinerar antes do 2010.
Cobrar polo consumo real de auga e establecer un sistema de bloques na tarifa da auga, de xeito que o seu prezo se incremente sustancialmente a medida que aumente o consumo, e g arantir a depuración das augas residuais urbanas.
Crear Espazos Naturais Protexidos de Interese Local, figura de protección legal prevista na lei autonómica de conservación da natureza e até hoxe non aplicada.
– Aplicar un Plano municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, de acordo coa lei autonómica de prevención e defensa contra os incendios forestais.
– Declarar o municipio como Zona Libre de Transxénicos.
– Establecer criterios ecolóxicos e sociais na política de compra e contratación.

Nota: O documento  Propostas de Verdegaia para os Concellos pode descargarse desde a nosa web (http://www.verdegaia.org).

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/05/11/verdegaia-presenta-propostas-para-facer-municipios-sustentables/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here