O CES afirma que a estrada do Vao pode sinalizarse adecuadamente evitando a contaminación lumínica
A estrada do Vao cruza unha zona de elevado valor ecolóxico, o humidal protexido Umia-O Grove, do cal deberiamos estar orgullosos por ser parte do noso patrimonio natural, un ecosistema indispensable para conservar a nosa riqueza marisqueira e pesqueira e un recurso para explotar de forma sostible de cara á anhelada desestacionalización do turismo. Por iso deberiamos esforzarnos en conservala en lugar de intentar afogar a galiña dos ovos de ouro a través de vertidos, construcións ilegais e tantas outras agresións irresponsables. Unha iluminación non axeitada nesta zona afectaríalle de forma negativa á súa conservación.
A luz artificial potente rompe o ciclo natural día/noite e provoca a alteración dos hábitos nocturnos de aves, peixes, insectos, etc., con consecuencias moi negativas sobre a reprodución, a alimentación e sobre outros aspectos fundamentais, xa que a inmensa maioría dos animais son máis activos pola noite, aproveitando a escuridade. As especies migratorias como as aves da enseada son especialmente sensibles á contaminación lumínica, que pode provocar cegamento e desorientación. A flora, a distribución das especies na franxa intermareal, os ciclos de ascenso e descenso do plancto mariño, etc., tamén se poderían ver prexudicados.
Non existe unha normativa específica sobre contaminación lumínica pero si a obriga legal de protexer estes espazos e a súa flora e fauna salvaxe, o que implica unha sinalización axeitada ás características da estrada de entrada ó Grove e o seu contorno e que, en definitiva, non sería moi distinta á das outras vías interurbanas. Un exemplo claro témolo nas autoestradas, nas que apenas existen farolas pero si outros xeitos de sinalización. Unha sinalización que mellore a seguridade viaria nesta estrada e non resulte contaminante nen impactante paisaxísticamente (como seria o caso de poñer farolas) podería consistir en marcar o chan con pintura reflectinte e colocar catadióptricos nos arcéns. As rotondas pódense alumar de forma inequívoca con luces de pouca intensidade de vapor de sodio de baixa presión, e de forma que non deixen escapar o feixe de luz cara á enseada.
O problema real desta vía é a súa falla de mantemento, claramente deficiente. Os catadióptricos son moi escasos, ou incluso ausentes nalgúns tramos, e a pintura totalmente gastada.
Por outra banda, queremos aclarar que o Colectivo Ecoloxista do Salnés, como asociación de cidadáns e cidadás que é, non ten poder lexislativo nin executivo, polo que a responsabilidade das boas e malas actuacións, así como da súa ausencia, correspóndelles unicamente ás autoridades competentes. Nas súas mans está solucionar os problemas de seguridade viaria no Vao e nas da cidadanía que llo esixamos.
