A FEG rexeita a instalación de aeroxeradores na franxa de cantís da Costa Da Morte situados entre Touriñán e Muxía
A construcción dos dous parques poden chocar coa oferta paisaxística do futuro Parador Nacional
A FEG considera fundamental para a preservación do litoral da Costa da Morte evitar continuar ocupando con aeroxeradores áreas inmediatas aos cantís ou a costa, e pide que a Xunta de Galicia propoña unha banda de protección de alomenos 1500 metros de protección terra adentro para os parques de Muxía.Dous parques eólicos, Muxía I e Muxía II, promovidos pola empresa Desarrollos Eólicos con domicilio social en Sevilla, e que suman 30 aeroxeradores de 2.300 Kw de potencia nominal, poden acabar instalándose fronte a Enseada de Touriñán, un espazo de altos cantís e de elevada calidade paisaxística e ambiental, e que curiosamente poden acompañar ao futuro Parador Nacional agardado para este Concello. Nestes momentos a tramitación administrativa atópase moi avanzada á vista do Acordo do 18 de abril e do 23 de abril da Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria da CORUÑA).
No caso dos dous parques eólicos na costa de Muxía, a FEG entende que, de ningún modo debería considerarse a circunstancia de que foran instalados a menos de 1,5 km da costa os aeroxeradores, e sería unha grande perda paisaxística que resultara afectado a inmediación dos Cantís de Viseo e de Cuño. Enclave que conforma a fachada da Enseada de Touriñán e que , fácilmente, dado a súa integridade coma paisaxe atlántica case inalterada e ben conservada, de seguro encabezaría calquera lista da pretendida Lei de Protección da Paisaxe que o goberno galego pretende aprobar antes de fin de ano.
Este caso amosa que a Consellería de Industria e a de Medio Ambiente seguen a ser incapaces de integrar obxetivos de planificación enerxética coa preservación ambiental do territorio.
A FEG considera que este feito reproduce os mesmos graves erros de planificación dos usos do territorio que ven arrastrando Galicia nas últimas décadas, e en particular dende que se iniciara o Plano Eólico no ano 1997. Repítese máis do mesmo, cun desenvolvemento voraz de iniciativas eólicas partilladas en varios proxectos que no fondo resultan unha mesma grande instalación, macroparques eólicos, que á hora de funcionar comparten tódolos equipamentos. Este tipo de parques xeran unha importante transformación do territorio no que se asentan, e máis especialmente se fai esto patente nas áreas que poidan ter un maior valor ambiental. Favorecen tamén, estas instalacións, unha maior situación de abuso por parte dos promotores sobre propietarios, ao empregar os supostos postos de traballo que xeran na fase de obra coma un punto importante de presión nas negociacións.
A FEG considera que a promoción da enerxía eólica en términos que promovan unha apropiación desmesurada do territorio, destruíndo paisaxe e patrimonio natural de recoñecido valor, e hipotecando usos e recursos sobre o territorio que contan cunha potencialidade económica moi importante e, necesitada de ser avaliada e estudada con detalle, caso da dinamización turística da Costa da Morte, non pode ser defendible de xeito xustificado por ningún goberno. Igualmente considera que polo dagora, e despois da experiencia dos últimos anos, vense comprobando que o boom dos parques eólicos non impediu que o medio rural sega a despoboarse, e obsérvase o escaso rendemento económico xerado na poboación local onde se instalán, onde as empresas do sector acadan extraordinarios beneficios a costa de irrisorias cantidades que conseguen, co visto e prace da Xunta, os propietarios do monte.
