A Bandeira Azul non é garantía dun litoral ecolóxico
Este ano, a FEE (Fundación de Educación Ambiental) através da súa filial española ADEAC (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor) concedeu 127 bandeiras azuis no litoral galego. Este símbolo pretende ser garantía dun litoral en bo estado e para moita xente mesmo é sinónimo de calidade ambiental. Mais segundo a daquela comisaria de Medio Ambiente da U.E., Margot Walström, a Comisión Europea retirou dende 1999 as subvencións á FEE porque “os criterios que segue para outorgar este distintivo, como símbolo de calidade de praias e augas, carecen de suficiente rigor”. O proprio Parlamento Europeo, sinalaba daquela que a concesión de bandeiras azuis “convertiuse nunha actividade enganosa, ao utilizar un símbolo de suposta cualidade que non ten a garantía dos organismos oficiais da U.E.”.
Ainda que dende aquela, os criterios de concesión tornáronse máis rigorosos, a bandeira azul está aínda lonxe de ser sinónimo de litoral ben conservado. Como indica a propia FEE no seu manual sobre a bandeira azul "identificar y/o premiar aquellas playas más verdes, remotas o inaccesibles y mejor conservadas ecológicamente, no es función de Bandera Azul". Acontece que só se monitoriza a calidade das augas de baño e os servizos hixiénico-sanitarios e de seguridade da praia, e unicamente durante a tempada estival. O resto do contorno, como por exemplo as dunas, o estado da orla prelitoral, a calidade paisaxística e a ausencia de impactos sobre os hábitats e especies costeiras non figuran como condicións necesarias para a concesión deste distintivo.
Deste xeito algunhas das praias que veñen sendo recoñecidas coa bandeira azul amosan graves problemas ambientais relacionados coa presión urbanística e turística, que están a comprometer gravemente a súa conservación. Construccións en primeira liña, circulación de quads e todo terreos e aparcadoiros de veículos sobre as dunas (ver foto da praia da Corna, no Caramiñal, bandeira azul), emisarios de augas fecais, etc. comparten protagonismo coa bandeira azul.
Para dar a coñecer esta situación, algúns colectivos ecoloxistas están levando a cabo unha campaña estatal paralela para concesión de bandeiras a determinadas praias, pero neste caso bandeiras negras. Preténdese chamar a atención sobre a falta de rigor dalgunhas bandeiras azuis, que se conceden máis en función de intereses turísticos que atendendo aos valores medio ambientais das praias.
Dende ADEGA propoñemos que para garantir o bo estado ecolóxico do litoral non abonda con saber se a auga é apta para o baño ou se hai duchas, accesos sinalizados e socorristas. Deberiase avaliar tamén como criterios obrigatorios e durante todo o ano cando menos os seguintes:
– Cumprimento estrito das esixencias das figuras de protección ambiental do contorno.
– Estudos de impacto ambiental e capacidad de carga do ecosistema litoral.
– Estacionamiento de veículos limitado e alonxado da praia. Prioridade ao uso de bicicletas e aos senderos peonís.
– Limitación ou supresión da limpeza mecanizada.
– Ausencia de instalacións e concesións de servizos non imprescindíbeis na praia.
– Códigos de conduta específicos e estritos.
– Limitacións estritas de ruidos e proibición de embarcacións, especialmente de motor, a menos de 200 m. da beira, excepto para o salvamento.
– Medidas activas e pasivas de conservación do ecosistema marítimo-terrestre, con especial atención aos cordóns dunares e fondos mariños, a ser posíbel, en cooperación con entidades ou expertos conservacionistas.
– Millor calidade da información e a educación ambiental e/ou centro de interpretación próximo.
– Formación específica do persoal para a vixianza ambiental.
Actualmente a bandeira azul non garante o cumprimento destes criterios, polo que para os ecoloxistas ten ben pouca credibilidade ambiental.
