ADEGA denuncia a central de Sabón poden entrar en funcionamento sen a autorización ambiental nen licenzas municipais
Apoia así as reivindicacións das veciñas e veciños da parroquia de Oseiro, que temen un aumento da contaminación electromagnética que veñen padecendo desde hai anosA Delegación na Coruña de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) olla con moita preocupación a entrada en funcionamento da ampliación da central térmica de Sabón (Arteixo), e máis en concreto da nova planta de Ciclos Combinados, cuxa inauguración estaba prevista para hoxe, 23 de xullo, finalmente suspendida segundo anunciou a última hora Unión Fenosa.
ADEGA presentara xa no seu día, xunto con ducias de veciñas e veciños da parroquia de Oseiro (Arteixo), situada a menos de dous quilómetros da térmica, alegacións ao proxecto básico da ampliación do complexo propiedade de Unión Fenosa. Denunciaban a asociación e mais as e os residentes que a ampliación da planta xeraría un considerábel aumento da actividade industrial e, en consecuencia, dos niveis de contaminación por gases de efecto invernadoiro nunha zona xa de por si moi castigada por estes, onde están presentes empresas moi contaminantes como a de silicio metal Ferroatlántica, e aínda por riba encadrada no LIC da Costa da Morte da Rede Natura 2000.
Nos pasados días ADEGA e veciñas/os da zona coñeceron a intención de Unión Fenosa de inaugurar a nova planta de ciclos combinados canto antes e que ao acto oficial, que se había de celebrar hoxe 23 de xullo, acudirían o Presidente da Xunta e mais o Conselleiro de Industria. “Un feito especialmente grave”, sinalan desde a Plataforma contra as Liñas de Alta Tensión de Oseiro, “tendo en conta que a día de hoxe a planta ampliada carece das pertinentes licenzas municipais de obra e actividade industrial que ten de outorgar o Concello de Arteixo”, así como da autorización ambiental integrada que ten de conceder a propia Xunta de Galiza. Aliás, ningunha das alegacións ao proxecto básico recibiron aínda resposta.
Por outra parte, as veciñas e veciños de Oseiro e arredores da térmica, zona que atinxe unhas 16.000 persoas, amosaron a súa preocupación por outra das consecuencias directas do aumento de produción da térmica de Sabón: o aumento da contaminación por radiacións electromagnéticas provenientes das varias liñas de alta tensión que cruzan as zonas habitadas, especialmente a Urbanización Sol e Mar, que veñen padecendo desde hai anos, e para a cal parece non haber solucións a día de hoxe malia as moitas promesas de reubicación das liñas. Lonxe de chegar este anuncio, a entrada en funcionamento dos Ciclos Combinados vai supor a creación a curto prazo dunha nova liña de evacuación duns 400 KW.
ADEGA xa lle transmitiu aos membros da Plataforma veciñal o seu apoio incondicional na loita que nos últimos anos veñen sostendo e seguirá a exixir perante todos os axentes implicados que ningunha infraestrutura ou actividade industrial, por necesaria que sexa, se faga de costas á legalidade e hopotecando o medio natural, a calidade de vida e o dereito á saúde das persoas.
