23/07/ 2007

Verdegaia presenta unha moción municipal sobre recursos hídricos no Concello de Vigo

Filed under: Augas e Ríos

A  depuración insuficiente e o desperdicio de auga  son os principais pontos negros da xestión dos concellos


Con esta moción, Verdegaia pretende trasladar ao Concello de Vigo a urxente necesidade de acometer unha mudanza radical na xestión dos recursos hídricos que permita  mellorar a calidade ecolóxica das augas litorais e continentais da nosa comarca mediante a diminución do consumo e unha axeitada depuración, e a conveniencia de adoptar medidas que impliquen a toda a cidadanía fomentando a co-responsabilidade na procura dunha Nova Cultura da Auga.

En Galicia tamén é preciso aforrar auga, pois iso significa mellorar o estado de conservación dos ecosistemas acuáticos, reducir a contaminación, evitar a construción de máis encoros de abastecemento ou diminuír o gasto enerxético. Ademais, o cambio climático, se non se  recortan as emisións de gases de efecto invernadoiro, aumentaría a incidencia das secas en Galicia. Non nos podemos permitir, por exemplo, que as perdas de auga nas redes de distribución de abastecemento público aumentasen entre 1996 e 2003, até suporen perto do 20% de toda a auga distribuída. Ou que o 90% dos cursos fluviais padezan contaminación permanente ou frecuente.

Os espazos urbanos difusos que definen hoxe en día a configuración das nosas cidades agravan expoñencialmente o problema obrigando a extender a rede de sumidoiros e a capacidade de bombeo sobardando amplamente a capacidade de depuración, no caso de contar con Estacións de Depuración de Augas Residuais (EDAR). A Directiva 91/271/CEE de tratamento de augas residuais considera necesario un tratamento secundario das augas residuais urbanas para evitar que a súa evacuación cun tratamento insuficiente teña repercusións negativas no medio ambiente. O 40% dos núcleos de poboación maiores de 2000 habitantes de Galicia carece deste sistema secundario e  hai núcleos sen ningun sistema de depuración.

As administracións municipais teñen unha parte da responsabilidade nesta situación mais tamén unha grande capacidade de adoptar medidas que signifiquen a aposta definitiva por unha Nova Cultura da Auga na que a minimización do consumo e a depuración integral sexan os referentes.

Entre outras medidas, Verdegaia propón o establecemento de iniciativas fiscais e de tarificación que fomenten un consumo racional da auga, incentivando o aforro e penalizando o desbaldimento;  a separación en orixe das augas residuais industriais e as domésticas; implantación de sistemas descentralizados de depuración e fomento de sistemas de autoxestión de augas, que contemplen tanto a depuración como a reutilización aplicando técnicas de depuración doméstica e aproveitamento de pluviais;  aplicación inmediata de políticas de aforro en todos os edificios e actividades municipais e  o desenvolvemento dun amplo programa de educación e sensibilización cidadá para que os principios e os preceptos da Nova Cultura da Auga sexan asumidos e interiorizados pola nosa sociedade.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/07/23/verdegaia-presenta-unha-mocion-municipal-sobre-recursos-hidricos-no-concello-de-vigo/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here