31/07/ 2007

A demarcación de costas contribúe á destrucción do litoral

Filed under: Litoral

O organismo que debe garantir a protección do litoral promove actuacións que destrúen hábitats prioritarios


 A Dirección Xeral de Costas, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, está promovendo actuacións agresivas no litoral de Carnota. Trátase dun paseo marítimo na praia do Pindo que está a degradar a sensíbel área dunar e a xunqueira litoral neste contorno.

Segundo o cartaz das obras, trátase dunha “rehabilitación do borde marítimo”, que traducido a linguaxe común significa a “construcción dun paseo a base de aterros sobre a duna e o esteiro”, hábitats prioritarios a nível europeo. E todo isto promovido pola propia administración e financiado con cartos públicos, teóricamente destinados á protección do medio ambiente.

Esta aberrante obra estase a realizar sen ningún tipo cautelas e consideracións co valor ambiental da zona. Sería admisíbel e mesmo recomendábel nalgúns casos a construcción de pasarelas elevadas de madeira para o tránsito dos usuarios/as e o acceso á praia do Pindo. Pero este tipo de intervencións deberían facerse evitando o impacto ambiental e nunca mediante aterros e introducción de maquinaria pesada nas dunas.

No entanto, as obras consistiron na construcción dunha pista dentro da área dunar, a utilización de grandes bloques de granito e o uso de maquinaria pesada. E todo isto promovido polo organismo encargado de protexer o noso litoral, nomeadamente de agresións como esta.

Nos últimos tempos, a Dirección Xeral de Costas do Estado ten dado coas súas actuacións unha de cal, ou millor dito unha de cemento e outra de area. Intervencións como a repoboación das dunas no Ézaro (Dumbría) coa especie invasora Carpobrotus edulis, ou a construcción dun “chiringuito” dentro da franxa de protección do litoral en Valdoviño, son a cara escura dunha política ambiental errática e por veces contraditoria.

Aínda que pode resultar paradóxico ter que denunciar á propia administración ambiental ante o SEPRONA, esta é a única opción para ADEGA con vistas a deter estas actuacións. Neste senso, ADEGA esixe a redefinición do proxecto, a reposición dos hábitats afectados e depuración das respeitivas responsabilidades. Finalmente, ADEGA informará ao Ministerio de Medio Ambiente destas e outras polémicas actuacións levadas a cabo pola Demarcación de Costas en Galiza, para que “erros” coma este non se volvan a repetir.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/07/31/a-demarcacion-de-costas-contribue-a-destruccion-do-litoral/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here