ADEGA solicita a inclusión do Canón do río Mente en Rede Natura
ABRANGUE O CORREDOR BIOLÓXICO ENTRE O INVERNADEIRO E A RESERVA NATURAL DE MONTEZINHO
ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) solicita á Consellería de Medio Ambiente que inclúa o corredor biolóxico entre o Parque Natural do Invernadeiro (Ourense) e a Reserva Natural de Montezinho (Tras os Montes-Portugal).
Este espazo natural recolle un amplo abano de ecosistemas de montaña e máis o canón do Río Mente, compartido por Galiza e Portugal. O Canón do Río Mente está constituído por fauna e vexetación de carácter mediterráneo que está pouco representada en Galiza. Xeralmente cítanse como zonas claramente mediterráneas en Galiza o Val do Sil e máis determinados puntos do Courel. Sen embargo existen algúns outros lugares de carácter mediterráneo moito menos coñecidos coma neste caso. Sen embargo en Portugal a Reserva Natural de Montezinho e unha das que dispón de maior biodiversidade de todo o país e está constituido esencialmente polo mesmo tipo de vexetación do Río Mente.
A grande cota de biodiversidade ven dada porque é unha zona de Ecotono, é dicir, unha zona de contacto difuso entre a vexetación eurosiberiana e máis a mediterránea. A xuntanza dos dous tipos de vexetación ocasiona que un elevado número de especies distintas medren nun pequeno territorio.
A protección entre o Invernadeiro e Montezinho, pasando por Pena Nofre é importante para crear un corredor biolóxico que permita as especies, nomeadamente animais, conectar uns territorios con outros. A conexión dos distintos territorios aumenta as posibilidades de supervivencia de especies de alto valor ecolóxico.
Según o traballo realizado polo biólogo Xosé Ramón Reigada, entre as valiosas especies do Canón do Río Mente podemos atopar a Cornalleira (Pistacia terebinthus), o pradairo de Montpellier (Acer monspessulanum) e as especies protexidas polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas, Aguia real (Aquila chrysaetos), Píntega galega (Salamandra salamandra subespecie gallaica) entre outras moitas.
Esta riqueza natural sen dúbida pode potenciar o desenvolvemento do turismo rural nesta zona ateazada polo despoboamento e ademais a súa protección baixo a Rede Natura permite o mantemento das actividades tradicionais como a Agricultura e a Gandería. A Rede Natura constitúe unha oportunidade para a dinamización do rural galego a súa posta en valor e o desenvolvemento endóxeno e sustentable. Os productos agrícolas como a castaña, o mel, etc dispoñen así de argumentos para resaltar a súa calidade e o valor da agricultura como necesaria para manter unha alta biodiversidade.
