06/08/ 2007

Corrubedo reaxe en defensa da súa costa

Filed under: Litoral

Este pasado sábado, membros de ADEGA e a Plataforma Medioambiental de Corrubedo expuxemos aos veciños/as de Teira e Corrubedo en qué consisten os plans da Consellería de Pesca para a punta do Corgo-Laxe Brava: nin máis nin menos que a meirande piscifatoría de Galiza, con 308.000 m2. Este megaproxecto únese ás ampliación das piscifatorías de Seráns (115.000 m2 e Couso (55.000 m2), de xeito que nun treito de 10 km de costa ocuparanse case medio millón de m2 de solo industrial, e iso ás portas dun parque natural. Toma desenvolvemento sustentábel!

O Plano Sectorial de megaparques de acuicultura en terra agasalla aos veciños e veciñas de Corrubedo coa instalación meirande de todas: 308.000 m2 nunha costa prácticamente virxe e merecente de facer parte do Complexo Húmido de Corrubedo. Á desfeita paisaxística haberá que engadir tamén, as consecuencias do vertido de millóns de m3 de augas cunha forte carga contaminante, precisamente nun litoral de gran riqueza pesqueira e marisqueira.

  Malia a que a superficie desta industria está estratéxicamente fóra do LIC de Corrubedo, non pode pensarse que non se van ver afectados os sensíbeis hábitats e especies de interese europeo dun espazo protexido que xa ten que soportar canteiras, campings, os vertidos industriais de dous polígonos e proximamente, se non o evitamos, tres megapiscifatorías en 10 km de costa alén da macrodepuradora de Aguiño.

 Curiosamente, o lugar que a Consellería de Pesca propón para esta instalación, a punta do Corgo ou Laxe Brava, correspóndese coa superficie que Medio Ambiente quere ampliar na Rede Natura (LIC Complexo Húmido de Corrubedo). Deste xeito, Medio Ambiente recoñece a importancia dos valores naturais deste espazo mentres que Pesca quere ocupalo con 30 hectáreas de cemento Este feito pon claramente de manifesto a falla de coordenación dunha administración na xestión territorial do país, alén de indicarnos que o plano sectorial acuícola está deseñado por e para os intereses das empresas do sector.

  Os veciños/as e os ecoloxistas non imos tolerar que os intereses dunha empresa privada estén por riba do interese xeral na conservación do ambiente e do dereito do pobo de Corrubedo a aproveitar de xeito racional e sustentábel os recursos naturais deste espazo. Non sería tampouco de xustiza que a administración "premiara" a Corrubedo con esta instalación logo de que os seus habitantes teñan defendido e contribuído a preservar un dos espazos emblemáticos da diversidade natural galega.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/08/06/corrubedo-reaxe-en-defensa-da-sua-costa/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here