08/08/ 2007

Sae á rúa unha nova edición da revista CERNA

Filed under: Convocatoria, Prensa

A revista Cerna é a única publicación galega especializada en medio ambiente de Galiza e promovida desde o eido ecoloxista.

A única publicación galega especializada na temática medioambiental da nosa terra e a máis antiga de Galiza, a revista “Cerna”, publica o seu número 52, que se destribuirá en librarías de toda Galiza, bibliotecas, centros de ensino e outras institucións, nomeadamente aquelas máis relacionadas e con responsabilidades no eido medioambiental galego, ademáis do millar e medio de exemplares que se envía regularmente a persoas subscritas e colaboradoras.

O número 52 da Revista Cerna dá conta dos acontecementos relativos ao medio ambiente galego dos últimos dous meses, nos que a montaña, a Rede Natura e o medio rural son protagonistas e nos que se analiza en profundiade, por unha banda, as actuacións do goberno autonómico e, por outra, o movemento social e ecoloxista xerado arredor dos mesmos.

Nesta edición, a Revista Cerna interpreta o acontecido en espazos de indubidábel valor ecolóxico, cultural e social como é a montaña oriental do Courel. Profesionais das ciencias naturais e grandes coñecedores da xeomorfoloxía da montaña courelá, coma o destacado Catedrático en Xeoloxía pola Universidade de A Coruña, Xoán Ramón Vidal Romaní, e varios representantes das Consellarías galegas deixan testemuña en “Cerna” das súas denuncias, reclamos e actuacións sobre o estado socioeconómico e ambiental do Courel. Artigos sobre a denuncia da actividade das canteiras ilegais, a subida aos cumios das montañas de todo o Estado ou a chamada “Acción Rede Montañas” informan sobre a campaña que se está a desenvolver en todo o Norte Peninsular en defensa dos nosos curutos.

Algunhas destas montañas pertencen a espazos protexidos polas leis ambientais, como aqueles integrados na Rede Natura 2000. “Cerna” intenta recuperar o sentido inicial da concepción da Rede Natura e valora, coa axuda dos expertos e dos ecoloxistas, as oportunidades e conflitos que está a xerar en Galiza e noutros lugares de Europa, así como a súa xestión por parte das autoridades competentes. Nesta ocasión, a principal testemuña será a do Conselleiro de Medio Ambiente de España na Comisión Permanente da Unión Europea, Miguel Castroviejo.

O cambio climático e as mudanzas no medio forestal e rural galego son cuestións incluídas tamén nesta nova edición de “Cerna”. O Catedrático en Edafoloxía pola USC, Francisco Díaz-Fierros, recoñecido científico galego, expón neste número, e de xeito moi ilustrativo, parte das mudanzas ás que terá que facer fronte Galiza e a súa paisaxe vexetal nos vindeiros cen anos por mor do quencemento climático. A estas estarán ligados os cambios promovidos pola Consellaría de Medio Rural neste eido. O titular deste Departamento, Alfredo Suárez Canal, fai unha exposición detallada do que vai supoñer para o medio rural o desenvolvemento da Lei de Prevención e Defensa de Incendios Forestais así como a nova Lei do Banco de Terras. Inclúese, así mesmo, o posicionamento ecoloxista sobre estas novas normativas a cargo de Fins Eirexas, Secretario Executivo de ADEGA.

Programas de Educación Ambiental, actos e manifestacións do movimento ecoloxista galego, anuncios de eventos, artigos de opinión, a sección infantil, e outras reportaxes interesantes sobre o contorno natural constitúen a oferta de contidos do número 52 da revista “Cerna”, que xa está á disposición das galegas e galegos interesados na información e interpretación da actualidade medioambiental de Galiza nas bibliotecas e librarías do país.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/08/08/sae-a-rua-unha-nova-edicion-da-revista-cerna/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here