Posicionamento ecoloxista en torno ao Proxecto de polígono adicado á Xestión de Residuos en Carballeda de Avia.
Perante a iniciativa de instalación en Carballeda de Avia dunha infraestructura de tratamento de Residuos denominada “Parque medioambiental”, os grupos ecoloxistas abaixo asinantes REXEITAMOS este proxecto por:
– Pésima política informativa da administración con continuas declaracións e propostas distintas e mesmo contradictorias.
– Pola súa proximidade aos núcleos de poboación sitos a menos de 2000 metros, pola súa posíbel afectación aos recursos hídricos e pola falta dun estudo previo para outros posíbeis emprazamentos.
– Porque a día de hoxe seguimos sen saber a natureza, procedencia e volume dos residuos e as técnicas que se van usar para o seu tratamento.
– Rexeitamos nese emprazamento a posibilidade de levar Residuos tóxicos e perigosos como disolventes, aceites industriais ou ácidos e bases.
Porén, APOIARÍAMOS plantas de tratamento para a xestión de residuos, sempre e cando cumprisen os seguintes criterios:
– Estivesen enmarcadas nun modelo de xestión no que prime a Redución.
– Estivesen baseadas en sistemas de tratamento que exclúan a incineración (incluído plasma ou pirólise).
– Que se escollan os emprazamentos máis axeitados para garantir a saúde ambiental e cidadá en función do residuo a tratar, e non ao revés.
Finalmente, os grupos abaixo asinantes manifestan o desexo de que a xestión dos residuos deixe de ser empregada como ferramenta partidista e que pase a ser considerado un dos piares básicos dunha sociedade galega sustentábel.
ASINAN: ADEGA, Amigos da Terra, Coto do Frade, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Verdegaia.
