Contaminación persistente de OREMBERG no Polígono de San Cibrao das Viñas
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) leva un tempo facendo seguimento do problema que teñen os veciños de Reboredo (San Cibrao das Viñas). Levamos a sorpresa de que o control das medicións da contaminación atmosférica faise en dúas estacións que posúe a Consellaría de Medio Ambiente na Rúa Eulogio Gómez Franqueira (xunto a Estación de Buses) e no Alto do Rodicio (Maceda).Adega considera que estes dous lugares non son os axeitados para facer un seguimento da contaminación e das emisións desa industria fabril. A contaminación está nas inmediacións da propia fábrica e das vivendas preto do Polígono de San Cibrao, segundo as queixas dos directamente afectados. Por tanto, podemos concluir que Medio Ambiente non dispón de datos fiables e atrévese a minimizar o impacto sobre a saúde das persoas e dos cultivos carecendo da máis mínima información, seguridade e certeza.
Por outra banda, é moi necesario dispor de datos contrastados sobre as emisións desta industria de fabricación de taboleiros de madeira, contrachapados e conglomerados. No proceso industrial de fabricación destes elementos empréganse produtos químicos de tratamento para o seu compactado e secado.
Adega considera un paso adiante o recoñecemento das autoridades de Medio Ambiente de que existe un problema de contaminación, cando hai só uns meses manifestaban que era un simple problema técnico de falta de filtros da cheminea. Agora o problema podería ser moito máis grave porque as solucións e medidas correctoras dependen da firmeza das autoridades de Medio Ambiente en ser esixentes coa empresa Orember e en ser transparentes e explícitos coa poboación afectada. Para Adega, as tentacións compulsivas ás mentiras políticas non contribúen a solucionar o problema.
