09/10/ 2007

ADEGA esixe ao Consello da Xunta que salve o LIC Brañas de Xestoso

A empresa "Fomensa Hispania S.L." iniciou as obras do parque eólico do Couto de San Sebastián no LIC Brañas de Xestoso sen ter aprobado o Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal, trámite que debe cumplimentar o Consello da Xunta. Os traballos xa causaron prexuizos irreparábeis nos hábitats e especies, algunhas prioritarias, protexidas pola Directiva de Hábitats. Diante destes feitos, ADEGA solicita ao Consello da Xunta que non aprobe o último trámite (incidencia supramunicipal) e proceda á paralización inmediata das obras á vista do proceder da empresa, que aplica a coñecida fórmula dos "fe¡tos consumados". Grazas a F. Azurmendi, A. Barbeito e D. Porto polas fotos. Ver QUERCUS 259


A aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal dun proxecto ven a substituír a licenza municipal de obra naqueles casos en que dita obra afecta a máis dun concello, ou se trata dunha actividade que ten o caracter de infraestrutura que transcende o ámbito municipal. Trátase portanto dun acto administrativo de natureza urbanística, coa única especialidade de que a competencia municipal nese eido pasa a exercela o goberno autonómico, vía Consello da Xunta.

Esta facultade autonómica está regulada no Decreto 80/ 2000, de 23 de marzo (DOG do 17 de abril). Precisamente, ao tratarse dunha licenza de natureza urbanística, o acto administrativo que decida concedela ou denegala é de caracter regrado. O órgano que ten que resolver (Consello da Xunta) debe basearse estritamente na legalidade vixente no momento da decisión.

No caso do parque eólico “Couto de San Sebastián”, a licenza de obra non pode concederse, porque o terreo onde se pretende instalar o parque está incluído dentro da superficie do Lugar de Importancia Comunitaria “Brañas de Xestoso” (L.I.C. código ES1140008), segundo Decisión da Comisión Europea de 7 de decembro de 2004. Esa cualificación como L.I.C. resulta incompatible coas instalacións eólicas, porque resulta aplicable a normativa europea, en particular a Directiva 92/43 CEE, trasposta mediante o Real Decreto 1.997/1995 de 7 de decembro, que no seu parágrafo segundo do artigo 6.4 sinala: “No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente se poderán alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben outras razóns imperiosas de interese público de primeiro orden. Neste último caso, a través da canle correspondente, haberá que consultar previamente á Comisión Europea”. No parágrafo terceiro do mesmo artigo 6.4, o Real Decreto establece que “desde o momento en que un lugar figure na lista de lugares de importancia comunitaria, éste quedará sometido ao disposto nos apartados 2, 3 y 4 deste artigo”.

Dado que nas Brañas de Xestoso existen varios hábitats e especies protexidas dos chamados “prioritarios”, non se permiten nese espazo ningunha clase de actividades económicas ordinarias, que poden perfectamente asentarse en calquera outro lugar onde non se produzan danos irreparábeis a un espazo de alto valor ecolóxico. No caso de que a administración autonómica estimase que é imprescindible instalar precisamente nese lugar a explotación eléctrica desa empresa, tería de todos modos que dirixir unha consulta previa á la Comisión Europea; consulta que con toda seguridade daría lugar a unha resposta negativa e á posta en marcha dos mecanismos de control de que dispón o organismo supranacional.

A Consellería de Industria ten pois a obriga de retirar a proposta de aprobación presentada ou que se pretende presentar ante o Consello da Xunta de Galiza; en caso contrario, o responsable último de la decisión estaría incorrendo nun delito de prevaricación, ao ditar a sabendas una resolución inxusta.

A empresa Fomensa Hispania S.L. iniciou xa as obras de construción do parque eólico “Couto de San Sebastián” sen ter aprobado o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o que constitúe unha ilegalidade manifesta. A realización das obras implica danos irreparábeis nos hábitats, na flora e na fauna protexidos, tal como acredita a certificación emitida polo Profesor Doutor, D. Javier Amigo Vázquez, do Departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela.

En consecuencia, a Consellería de Industria debería ordenar a paralización inmediata das obras, e proceder de modo eficaz para determinar as responsabilidades que correspondan a teor dos danos xa producidos, impor as sancións pertinentes e iniciar o proceso de recuperación da zona afectada.

O contrario suporía dar a beizón ao proceder dunha empresa que non ten reparos en aplicar a política dos "feitos consumados", lesiona o interese público e viola a legalidade.

1 Comment »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/10/09/p545/trackback/

  1. Situaçom da desfeita nos gmaps:
    http://www.tagzania.com/item/65459
    con info adicional.

    Comment by omuxu — 21/11/ 2007 @ 19:24

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here