26/10/ 2007

Galiza e o cambio climático: evidencias cada vez máis preocupantes

Fronte ás declaracións irresponsábeis dalgúns políticos que confunden o clima co tempo, ou a mercantilización do fenómeno por quenes nada fixeron cando tiñan oportunidade, cada día son máis as evidencias de que o cambio climático xa está eiquí e está mudando as nosas vidas. En Galiza, as consecuencias do quecemento global apontan a importantes mudanzas a medio prazo: perda de fertilidade dos solos, diminución dos recursos hídricos, maior incidencia dos lumes, e mesmo impactos na saúde. O derradeiro informe que aponta unha diminución da produtividade biolóxica das rías, debería ser motivo máis que suficiente para encender todas as luces de alarma. Catastrofismo?. Non, teimuda realidade. Artigo DÍAZ-FIERROS


A rápida e transcendental mudanza na composición da atmosfera con relación aos valores mantidos durante millóns de anos, fai que a sua capacidade de autorregulación fique mermada. O fenómeno do quecemento global débese principalmente ao incremento do CO2 atmosférico provocado polas actividades humanas. En Galiza, as emisións de gases de efeito invernadoiro (GEIs) provintes sobre todo das térmicas de carbón, verdadeiras fábricas de cambio climático, están por riba da media estatal e mesmo superan ás dos países da UE que máis contaminan.

O quecemento global está a provocar un deterioro ambiental xeralizado que xa está a acontecer, particularmente naquelas zonas máis sensíbeis da Terra. Entre estas están os casquetes polares e as terras con tendencia á desertización, pero tamén amplas áreas costeiras de clima temperado como Galiza. Tamén están a acontecer modificacións na composición e temperatura das augas, que ameazan con alterar a fráxil dinámica das correntes mariñas.

Galiza está bañada polas augas cálidas da corrente do Golfo que se achega ás nosas costas no inverno, afastándose no verán para deixar paso ás frías augas profundas. A dinámica dos ventos é tamén fundamental no fenómeno de afloramentos profundos que inxectan nutrientes nas rías. Estes procesos atemperan o noso clima e fertilizan o noso mar, facendo das rías uns dos ecosistemas con maior produtividade biolóxica do planeta. Qué pasará se se creba este delicado equilibrio? En Galiza, as predicións mais optimistas indican que o clima vai mudar cara unha progresiva mediterranización: veráns máis cálidos, invernos máis fríos e descenso das precipitacións, con épocas de secas e fortes avenidas. Os incendios forestais, agravados polas intensas secas, inxectan á atmósfera grandes cantidades de GEIs (principalmente CO, CO2 e metano). Temos así un círculo vicioso: máis cambio climático produce máis incendios forestais, mais incendios agravan o cambio climático.

E todo isto unido á deterioración do litoral pola masiva urbanización ou o plano de macropiscifatorías que quere cementar 3 millóns de m2 de costa con instalacións que agravarán as consecuencias do deterioro ambiental propiciado pola mudanza climática.

A banalización interesada do fenómeno, ben por ignorancia ou por interese político, ou a conversión do cambio climático nun negocio mediático, amosa unha grave irresponsabilidade.

É urxente pois poñérmonos ao traballo, fuxindo da preguiza pero tamén do catastrofiismo, tomando moi en serio as recomendacións dos investigadores. Non podemos parar xa o cambio climático pero si diminuir os seus efeitos, que en Galiza van ser – están sendo arestora particularmente intensos.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2007/10/26/galiza-e-o-cambio-climatico-evidencias-cada-vez-mais-preocupantes/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here