A proposta do líder do PP só responde a intereses eleitorais e empresariais
O chamado “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria” fora aprobado no último Consello da Xunta da era Fraga polo governo do PP en funcións para beneficiar ás multinacionais da acuicultura a costa do interese público, do ambiente e dos recursos da nosa costa.
Aquel plano afectaba a grandes extensións de territorio protexido, nomeadamente á Rede Natura, sen medidas de depuración das augas residuais e sen restriccións de ningún tipo ao lucro empresarial. Pretendía sacrificar espazos tan emblemáticos como o cabo Touriñán e outras zonas protexidas que ían ser enaxenadas a razón de 1€ o metro cadrado para acoller a numerosas megaplantas acuícolas.
Tentar retomar agora aquel proxecto situaría ao país na “era das cavernas” da xestión ecolóxica sustentábel, cando predominaba a rapina dos recursos naturais (vento, pedra, ríos) e o “todo vale” para lucrarse a costa da natureza do país.
Pola carencia total e absoluta de sensibilidade ambiental e pola fraude que constituiu a súa aprobación, a proposta de Núñez Feijoo só pode cualificarse de delirante, oportunista e demagóxica. E se recibíu menos alegacións que o actual non significa que fora millor: daquela funcionou moi ben a rede clientelar e a política escurantista do PP que non dubidou en expulsar aos colectivos ecoloxistas dun inoperante COGAMA (Consello Galego de Medio Ambiente). Non lle caiba a menor dúbida ao Sr. Núñez Feijoo que de retomarse o Plano Acuícola do PP contaría hoxe con tantas ou máis alegacións e sinaturas en contra que o actual.
Sen dúbida, foi grazas ao labor de ADEGA e dos numerosos colectivos sociais agrupados en defensa do litoral, que se criou un estado de opinión que forzou medidas coma a Lei do Litoral, ou a desbotar as macroplantas de Touriñán, Baroña ou Corrubedo. Desgrazadamante, o Plano Acuícola actual persiste en antepoñer os intereses privados ao beneficio público e comparte o carácter insustentábel de aquel. Pero non lle caiba a menor dúbida á Conselleira de Pesca que o que se víu o domingo en Corrubedo voltará a repetirse en Quilmas, Merexo, Arou, Oia, Foz… e alí onde pretenda intalarse outro campo de concentración de rodaballos.
A millor piscifatoría, Sra. Conselleira, é o mar de Galiza!. Traballe para millorar o estado dos nosos recursos e o futuro da xente do mar e non poña o o futuro da nosa costa nas mans das multinacionais do peixe de cemento.
