PISCIFATORÍAS: a proposta de reducción de Pesca é decepcionante e reforza a oposición de plataformas e ecoloxistas ao plano acuícola
O recente anuncio do Director Xeral de recursos Mariños, Sr. Elorriaga, no senso de "suprimir" do Plano Acuícola as instalacións de Touriñán-Muxía, Punta dos Corvos-Corrubedo, e Punta do Corno-Camariñas, alén doutras dúas (ampliacións) e reducir a extensión de 7 máis, só pode ser interpretado como unha burda medida electoralista e demagóxica. A que vén rexeitar piscifatorías como a Touriñán, Punta dos Corvos (Corrubedo) ou Punta do Corno (Camariñas) cando estas instalacións xa non figuraban na proposta de Plano Acuícola? Por certo, que no rexeitamento da de Touriñán ou Ribadeo, tivo máis que ver a mobilización social que a suposta "magnanimidade" da Xunta. As outras “eliminadas” son a ampliación das instalacións do CETMAR para producción en Couso- Aguiño, e a ampliación da de Ardía (Ogrobe) que afectaba á Rede Natura, ambas de pequena extensión. Entre as que se reducen, está por exemplo Seráns-Porto do Son, que xa fora desbotada pola empresa promotora. Outra é a piscifatoría de Foxo Longo, en Ribadeo: desta volta a pretendida reducción non é senón a consecuencia das resolucións xudiciais e da acción de ADEGA, que no seu momento impedíu que o Sr. Álvarez-Cascos perpetrara un atropelo ecolóxico no en pleno LIC As Catedrais. Alén disto, case todas as instalacións afectadas por esta reducción son ademáis de pouca superficie e entidade (o "chocolate do loro"), de xeito que, atendendo aos ditados da patronal, a proposta de Plano Acuícola non muda substancialmente: só reduce menos dun 10% a superficie afectada (225.500 m2) e seguen sendo máis de 3 millóns de m2 de costa virxe os que Pesca agasalla á patronal do peixe plano.
|

