A UE ve irregularidades na concesión de explotacións no Courel
A Unión Europea (UE) alertou da existencia de catro concesións de explotación de lousa no Lugar de Interese Comunitario (LIC) Ancares-Courel, incluído na Rede Natura 2000, que incumpren varios artigos da normativa sobre a protección do medio ambiente que ten que acatar de forma obrigatoria todos os estados membros. Trátase dunha canteira situada no Courel e doutras tres situadas no municipio de Quiroga. (Publicado polo xornal o progreso)
En todos os casos, segundo un informe elaborado e emitido antonte pola Comisión das Comunidades Europeas —e do que se fai eco El Progreso na súa edición impresa deste 10 de maio—, a autorización das canteiras de fixo en precario, pois, recolle o documento, os informes de impacto ambiental non recollían medidas correctoras para salvagardar o interese ecolóxico da zona e noutros casos tomouse como bo o realizado pola empresa solicitante. Investigación. A investigación deste órgano da Unión Europea sobre os prexuízos que as louseiras da comarca quiroguesa causan á flora e a fauna dunha zona protexida iniciouse no 2005 por mor dunha queixa que en tal sentido recibiu este organismo.
Tres anos despois, e tras un extenso informe, a Comisión sinala que se incorreu no incumprimento de varios artigos de ata tres directrices comunitarias —as 85/337/CEE, 92/43/CEE e 97/11/CEE— que protexen os espazos de especial valor ambiental dentro do territorio europeo.
A UE viu irregularidades na autorización en 2004 da explotación denominada Ampliación da Campa no Courel—, lindeira co LIC. A comisión da UE que investigou o caso sinala que "as propias autoridades (pola Confederación Hidrográfica do Norte) recoñecen que os vertedoiros invadiron a canle do río Redomás, afluente do Lor, e xerado unha gran contaminación", engadindo que ten "incidencias significativas na rede fluvial e hidrolóxica deste LIC", así como sobre especies protexidas.
En canto á explotación La Ilusión, no estudo indícase que "dito proxecto, pola súa amplitude e características, representa unha ameaza para o interese ecolóxico e os valores naturais dos hábitats e especies protexidas".
Polo que respecta ás outras dúas canteiras incluídas no informe —denominadas Cupa II sección 2 e Cupa II sección 3—, situadas parcialmente dentro dos límites do LIC Ancares-Courel e autorizadas en 2005, a Comisión das Comunidades Europeas ditaminou que houbo un procedemento incompleto de avaliación das posibles incidencias sobre o medio natural.
Toque de atención
Deste xeito, esta institución europea dá un toque de atención ás administracións españolas por non seguir a machada a normativa que regula a autorización dunha actividade extractiva como son as canteiras de lousa ao descuberto, tan agresivas co medio ambiente, e por non adoptar solucións para compensar a súa incidencia sobre a contorna.
Así, non dubida en dicir que "o Reino de España incumpriu as obrigacións que lle incumben", á vez que invita ao Goberno central, "de conformidade co artigo 266 do tratado constitutivo da Comunidade Europea, a remitir as súas observacións nun prazo de dous meses" sobre o asunto. Unha vez recibidas e analizadas as achegas emitirase un ditame definitivo.
Alerta ecoloxista
A asociación ecoloxista SOS Courel entregou no mes de setembro do pasado ano nas dependencias do Rexistro Xeral da Xunta 21.000 firmas para reclamar a declaración do Courel como parque natural e "protexer o espazo con maior biodiversidade de Galicia de actividades prexudiciais", citando de forma explícita as canteiras de lousa ao descuberto.
As rúbricas tiñan como obxectivo que o Goberno galego dese marcha atrás e rectificase o proxecto de lei aprobado o 21 de xuño de 2007 para a ordenación mineira de Galicia que declaraba ao Courel como municipio mineiro. Desta forma, a actividade extractora, segundo o presidente da asociación ecoloxista, "tería prioridade sobre o parque natural", á vez que se lexitima a contaminación da zona con máis biodiversidade de Galicia", alertara o colectivo.
As continuas queixas de SOS Courel sobre a suposta ilegalidade da canteira da Campa propiciaron que os responsables desta empresa denunciase a dous membros da asociación por inxurias e calumnias. A firma, Cupire Padesa, chegou a utilizar como probas correos electrónicos que o grupo ecoloxista enviou a modo de spam para pedir apoio á súa causa.
