DOCUMENTO DE POSICIONAMENTO CONXUNTO SOBRE O PARQUE AMBIENTAL DE CARBALLEDA DE AVIA (OURENSE)
1- LUGAR DE UBICACIÓN
En base ó documento presentado a estes grupos ecoloxistas por membros da Consellería de Vivenda e Solo, titulado: “Estudio de Viabilidade dun Parque empresarial en Carballeda de Avia”,
- O ámbito de actuación do citado parque afecta a núcleos de poboación situados a menos de 2000 metros, concretamente a nove localidades e un total de 1269 persoas, incumplindo así o Decreto 2414/1961 de 30 de novembro polo que se aproba o “Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas”, xa que, segundo a única información sobre o tratamento do lixo da que dispoñen os grupos asinantes deste documento, que se corresponde coas declaracións do Conselleiro de Medio Ambiente Francisco Vázquez que datan do venres 2 de marzo de 2007, neste parque trataranse sustancias así categorizadas pola lista europea aprobada pola Decisión 94/904/CE, do Consello, de 22 de decembro, de acordo có apartado 4 do artigo 1 da Directiva 91/689/CEE de residuos perigosos como son determinados aceites, ácidos, bases, disolventes, que o Conselleiro cita nas súas declaracións.
Polo tanto os grupos abaixo asinantes afirman que a ubicación do “parque medioambiental” non é a adecuada.- No referente ó tema de augas, estes grupos ecoloxistas, non poden aceptar esta ubicación porque:
i. Poden exisitir problemas de abastecemento. O propio estudo de viabilidade afirma que có caudal do Río Maquians pode non ser suficiente, o que suporía que municipios como Rivadavia ou Carballeda poderían ter problemas de abastecemento de auga para o consumo, uso prioritario segundo a lei de augas.
ii. Pode chegar a haber un problema real de contaminación de augas que podería afectar ós ríos Avia e Miño, debido a un accidente ou verquido ocasional.
Por ambos motivos apelamos ó Principio de Precaución, recomendando un estudo a fondo no referente á captación, abastecemento e depuración de augas para un polígono có que a demanda crecerá enormemente e solicitamos un cambio de ubicación para a situación deste parque medioambiental.
2- INVERTIR EN REDUCIÓN
Os grupos abaixo asinantes acordaron solicitar un apoio real á procedementos e proxectos encamiñados a redución de residuos, favorecendo un investimento en redución a partir de que se marquen obxectivos cualitativos de Redución de Residuos no Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia.
3- DESCENTRALIZACIÓN PARA A XESTIÓN DE RESIDUOS
Os grupos abaixo asinantes queren, de novo, instar a estas Consellerías a revisar o sistema de xestión de residuos para Galicia, solicitantdo a descentralización polo menos para os RSU.
4- ASISTENCIA Á REUNIÓN COAS CONSELLERÍAS DE VIVENDA E SOLO E MEDIO AMIBENTE.
Os grupos abaixo asinantes non asistirán a unha xuntanza coa Consellería de Vivenda ou coa Consellería de Medio Ambiente, ata que non exista un PXRSUG onde se vexa incluído ou non este parque, dentro dun programa que regularice a xestión de residuos e onde se vexa o papel que desempeña o mesmo e a súa función, procesos e tecnoloxías.
Pensamos que este estudo de viabilidade non é representativo xa que está feito sen ter en conta cantidade, tipo, etc de residuos e tecnoloxías a tratar e utilizar.
Por este motivo solicitamos unha moratoria deste proxecto ata ter aprobado (despois dun proceso participado) o Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia.
ASINAN:
Foro Social “Queremos Saber”
Ridimoas
Federación Ecoloxista Galega
Coto do Frade
Amigos da Terra
Adega
Verdegaia