Consideracións da Federación Ecoloxista Galega ante a situación das ZEPA en Galicia e resumo de proposta de ampliación.
Na actualidade Galicia ocupa o último posto dentro do conxunto do territorio do Estado en designación de Zonas de Especial Protección para as Aves, coñecidas coma ZEPA.
Galicia tan só conta co 2,42 % do seu territorio baixo esta figura de protección, situándose moi lonxe da media nacional que é dun 16,59 % , e cando existen 8 Comunidades Autónomas que superan o 20%. (Ver figuras 1 e 4).
Consideramos que o esforzo realizado no país galego pola protección dos territorios relevantes para poboacións das aves máis singulares ten sido significativamente insuficiente, e lonxe de acadar uns obxectivos coherentes coas medidas recollidas no articulado da Directiva 79/409/CEE, do 2 de abril, relativa á conservación das aves silvestres. Outras sete Comunidades Autónomas españolas atópanse nunha situación semellante.
Precisamente por este motivo España foi xulgada o 22 de xuño 2006 no Tribunal de Xustiza da Comunidade Europea de Luxemburgo pola falta de Zonas de Especial Protección para as aves (ZEPA), a raíz dunha denuncia da organización Seo/Birdlife.
Consideramos que dentro do territorio galego, e tendo en conta a existencia de numerosas referencias científicas e estudios relacionados coa ocupación territorial de poboacións de aves e o seu status, contamos con unidades territoriais destacables para a ornitofauna, as cales están mal representadas dentro das ZEPA galegas, sendo ademais varias as poboacións de aves que se atopan nun estado de ameaza crítico e para as que urxe adoitar medidas de protección e recuperación dos hábitats que ocupan. Aínda que a poboacións dalgunhas destas aves inclúense, nalgúns casos, dentro doutras figuras de protección (LIC, ZEPVN...) é necesario que estas áreas destaquen igualmente coma ZEPAS, para así contar cunha atención prioritaria no tocante a dispoñer de plans e medidas de xestión acordes coa importancia das poboacións de aves que albergan.
Son numerosos os exemplos que se poden mencionar, pero por recordar algúns cabe destacar, a situación do mazarico real (Numenius arquata),onde a súa área de nidificación en España se circunscribe actualmente a puntos concretos da Comarca da Terra Cha (norte de Lugo), fundamentalmente en zonas de vexetación de toxo e uces carentes de ningún tipo de protección. A poboación da aguia real (Aquila crysaetos) que se atopa nunha situación crítica coma especie reproductora en Galicia e para a que non se ten adoitado ningunha medida de protección do seu hábitat. Que a maior parte de zonas onde a aguia calzada (Hieraaetus pennatus) cría en Galicia ten lugar en áreas non protexidas, e que sen embargo concentran unha alta biodiversidade e calidade paisaxística. Outras especies coma o sisón (Tetrax tetrax) ou o pernileiro (Burchinus oedicnemus) teñen visto reducido as súas zonas de cría drasticamente na última década, e na actualidade as últimas áreas de cría atópanse na súa maioría fora de áreas protexidas. Igualmente o litoral galego alberga, para distintos períodos do ano, unha alta presenza de especies mariñas peláxicas e limícolas, moitas delas en situación de perigo de extinción, coma é o caso entre outras da pardela balear (Puffinus mauretanicus) ou a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). Tamén Galicia conta con áreas de paso, por exemplo as canaveiras costeiras a maioría deficientemente protexidas e que son fundamentais para a conservación a escala global de pequenas aves, caso da folosa acuática (Acrocephalus paludicola) mundialmente ameazada, ou da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanica).
En fin, que son moitas as aves galegas, e moitas das súas poboacións, que están expostas a distintos grados de ameaza, e que requiren de medidas inmediatas de protección ademais dunha xusta distinción das súas principais áreas de ocupación.
Proposta da Federación Ecoloxista Galega para a ampliación das ZEPA en Galicia.
A FEG considera que é posible aumentar considerablemente a superficie e as localidades dentro do territorio galego para a protección das aves e baixo a figura da ZEPA, en consonancia ademais co reclamado polo Tribunal de Luxemburgo da Comisión Europea, e en virtude da importancia demostrada de determinados lugares para albergar poboacións de aves en estado de ameaza.
Espazos incluídos na actualidade en Galicia coma ZEPA:
Figura 1. ZEPA presentes en Galicia. Fonte: Consellería de Medio Ambiente. Xunta de Galicia.
Espazos propostos pola FEG para incorporar a rede de ZEPA existentes en Galicia:
Figura 2. Proposta novos espazos naturais galegos a incluír coma ZEPA. Proposta de
mínimos. Fonte: Elaboración propia, FEG.
Figura 3. Comparativa superficie proposta pola FEG e a existente.
Porcentaxe de superficie terrestre de ZEPA sobre as Comunidades Autónomas
Figura 4. Comparativa de porcentaxe de superficie terrestre de ZEPA sobre o total de cada Comunidade Autónoma. En azul a correspondente para Galicia. En verde a proposta pola FEG. (O rosa correspóndese coa media nacional).
Fonte elaboración: Modificado a partir da proporcionada por Subdire. General de Coordinación y Banco de Datos de la Dirección General para la Biodiversidad. Ministerio de Medio Ambiente.
Autores do documento proposta de ampliación ZEPA da FEG:
D. Martiño Nercellas Méndez.
D.José Luís Castro Baleato.
Polo exposto neste documento, a FEG fai achegar unha copia do mesmo á Consellería de Medio Ambiente SOLICITANDO que se dean os pasos necesarios que fagan posible unha inmediata ampliación das ZEPA en Galicia, permitindo e favorecendo o establecemento dunha rede de xestión e conservación da biodiversidade dentro do territorio galego e en consonancia coas singularidades da ornitofauna galega e os seus territorios vitais máis destacables.