Presentamos informe sobre a situación de incumprimento da Directiva de Hábitats 92/43 e o proceso de designación de Zonas de Especial Conservación da Rede Natura 2000, en relación á construción da granxa de cultivos mariños en Mira (Portugal) e promovida pola empresa galega Pescanova.

1. Preocupa especialmente a situación xerada polo protocolo asinado polo goberno de Portugal e a multinacional galega (España) Pescanova para instalar un grande complexo de acuicultura, cunha ocupación estimada de máis de 100 hectáreas, sobre un complexo dunar dos máis grandes da Península Ibérica, e no a viabilidade de construción do proxecto sobre un espazo Rede Natura 2000 xa está determinada, aínda a marxe da Normativa de procedemento ambiental vixente dentro do territorio da Unión Europea, anunciándose incluso nos principais medios de comunicación do país que a resolución do procedemento ambiental vai ser inmediata e favorable .
O presente informe ten por finalidade, a de proporcionar diversa información sobre a situación de incumprimento con respecto á Directiva92/43 de Hábitats, no caso de execución do devandito proxecto, que pretende ser un dos máis grandes do mundo e que ademais levaría posiblemente acompañada no futuro outras instalacións anexas e dependentes do proxecto inicial, e promovidas pola mesma empresa ou filiais (planta de procesamento piensos industrias, e procesamento de peixe procedente de acuicultura), para un entorno costeiro no que resultarán danados áreas naturais tipificadas como “Hábitats de Interese Prioritario” pola normativa Europea.

Recordase igualmente, que conforme ao marco normativo vixente establecido pola Unión Europea, calquera proxecto, plan ou programa que poidan ter repercusións importantes sobre o medio ambiente, deben ser sometidos a avaliación ambiental conforme ao disposto na Directiva 85/337/CEE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados no medio ambiente (DO L 175 de 5.7.1985); e á Directiva 2001/42/CE DO Parlamento Europeo e do Consello relativa á avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, que establece a obrigatoriedade de sometemento ambiental de tódolos plans e programas.

Que a súa vez o proxecto presentado está semana polo goberno portugués vai en contra do enfoque estratéxico da xestión do litoral que a Unión Europea recomenda aos Estados Membros, na súa Recomendación 2002/413 CE do Parlamento Europeo e o Consello, de 30 de maio de 2002, relativa á aplicación da xestión integrada das zonas costeiras en Europa (D O L 148 de 6.6.2002). Dada a actual a situación global no tocante a ameaza do cambio climático sobre os ecosistemas terrestres, en particular aqueles considerados máis fráxiles ante posibles consecuencias derivadas das alteracións climáticas globais, coma poden ser os espazos costeiros, caso do enorme complexo dunar de Mira, debe terse en conta a importancia de aterse a uns principios de xestión das zonas costeiras europeas conforme ás consideracións e principios recollidas nas recomendacións 2002/413.

2. A declaración coma “Sitio de Interese Comunitario” do lugar de “Dunas de Mira, Gándaras e Gafahña”, foi outorgado por resolución da Comisión Europea con data de 19 de xullo de 2006, segundo o disposto na Decisión da Comisión 2006/613/CE, POLA QE SE ADOPTA , DE CONFORMIDADE COA DIRECTIVA 92/43/CEE DO CONSELLO, A LISTA DE SITIOS DE IMPORTANCIA COMUNITARIA DA REXIÓN BIOXEOGRÁFICA MEDITERRÁNEA (NOTIFICADA CO NÚMERO C(2006)3261.
Dita Directiva Europea está harmonizada e trasposta para o dereito nacional de Portugal polo Decreto-Lei nº 140/99, de 24 de Abril, coa redacción que lle foi dada polo Decreto –Lei nº 49/2005, de 24 de Febreiro, que define os procedementos a adoitar en Portugal para a súa aplicación

Dita declaración responde ó recoñecemento dado polas autoridades do goberno da República de Portugal, en virtude da Resolução do Conselho de Ministros nº 76/00, de 5 de Julho, POLO QUE SE PROPOÑEN OS SITIOS DA LISTA NACIONAL.

Aspecto que posteriormente se veu refutado, pola Resolução do Conselho de Ministros nº66/01, de 6 de xuño, pola que se determina a elaboración do Plan Sectorial Rede Natura 2000/00, e sometido a discusión pública entre xaneiro e marzo de 2006, en cumprimento do Aviso nº. 343/2006, sobre Discussao pública do Plano Sectorial da Rede Natura 2000 e publicado o 13 de xaneiro de 2006 no Diario da República.

Polo tanto o espacio dunar de Miras foi considerado coma unha área natural que presenta , segundo a Directiva de Hábitats, elementos e procesos ecolóxicos considerados “ merecedores dunha protección especial” e por “conter elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade”.

3. Tendo en conta o documento “Xestión de Espacios Natura 2000. Disposicións do artigo 6 da Directiva 92/43/CEE de Hábitats. Abril 2000. Servicio da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea” incorpora no seu apartado 4.6.3 a definición sobre o concepto de “integridade do lugar: • “Coherencia da estrutura e funcións ecolóxicas do lugar en toda a superficie, ós habitas, complexos de hábitats ou poboacións de especies que motivan a declaración do espazo”. Con relación a posibles impactos negativos sobre a “integridade do lugar di: • “A decisión sobre se o lugar está ou non afectado negativamente debe tomarse centrándose nos obxectivos de conservación do espazo, e limitándose a eles”.

O Tribunal Europeo de Xustiza de Luxemburgo reafirmou este concepto, na sentencia do 7 de setembro de 2004, no asunto C-127/02, sobre a recollida de berberechos no Mar de Wadden e en relación “á conservación dos hábitats naturais, e da fauna e flora silvestres. Concepto de “plan” ou “proxecto”. Avaliación das repercusións de determinados plans ou proxectos en zona protexida”.

A Comisión Europea sérvese desta sentencia para concluír que con relación a diferentes proxectos suxeitos á Directiva de Hábitats as autoridades nacionais só deben autorizar un proxecto se “teñen a certeza de que non producirá efectos perxudiciais para a integridade dese lugar”, o que sucede cando “non existe dúbida razoable, dende un punto de vista científico, sobre a inexistencia de tales efectos”.

Finaliza o Tribunal de Luxemburgo advertindo aos tribunais nacionais que, cando verifiquen a legalidade da autorización dun plan ou proxecto, controlen se as autoridades nacionais respectan os límites fixados na Directiva de Hábitats, aínda que ordenamento do Estado Membro non se adaptara aínda á mesma.

A sentencia tamén fai alusión e advirte aos Estados Membros sobre o esquecemento de “considerar a existencia de alternativas”, aspecto que debe esixir a administración para estas áreas.

E igualmente recorda que a administración debe “identificar as razóns imperiosas de interese público polas que o proxecto debe realizarse, así como ter adoitado cantas medidas compensatorias foran necesarias para manter a coherencia global de Natura 2000.

4. Tendo entón en conta o concepto de “integridade do lugar”, entendese que con relación a este espazo protexido a nivel europeo, e conforme a documentación aportada polo goberno Portugués á Unión Europea para o proceso de designación das áreas a incluír na Rede Natura 2000, en base ás medidas descritas no apartado de “orientacións específicas” do “Plano Sectorial da Rede Natura 2000” para o espazo dunar de Mira:

No que se recolle a necesidade de establecer medidas de xestión, e conservación específicas para “conservar/ recuperar cordão dunar”, e preservar así a calidade ecosistémica dos hábitats dunares presentes, tipificados baixo o código de “Prioritarios”: 2130*, 2150*, 2270*; así como os restantes dunares: 2110, 2120, 2170, 2190, e 2260.

Polo que:

1. A característica definitoria máis relevante, e polo que, o espazo dunar de Mira, foi precisamente merecedora da inclusión na Rede Natura 2000, débese ao alto grado de integridade de todo o seu conxunto dunar, no que se cataloga a presencia de 8 hábitats correspondentes a diferentes formacións dunares, e das que 3 se clasifican baixo o maior nivel de protección que outorga a Directiva de Hábitats ao identificarse coma 2Hábitats de Interese Prioritario”

2. Tendo en conta a Decisión da Comisión 2006/613/CE, pola que se aproba de conformidade coa Directiva 92/43 CEE co Consello a lista de Lugares de Importancia Comunitaria da rexión bioxeográfica Mediterránea, publicada no Diario Oficial da Unión Europea con data de 21 de setembro de 2006, páxina 1/104..
Que na devandita lista está incluído baixo o código PTC0055 Dunas de Mira, Gándara e Gafanha , e na que se fai constar a presenza de Hábitats de Interese Comunitario e Hábitats de Interese Prioritario, sumando unha superficie de 20530, 45 Ha.
E en conformidade coa Directiva 92/43 /Cee, e tendo en conta o primeiro punto deste apartado, xa son aplicables tódolos apartados recollidos no artigo 6, relativo ás medidas de conservación. Establécese a obrigatoriedade da designación das Zonas de Especial Conservación da Rede Natura 2000, e a realización, novamente, de Plans de Xestión para os mesmos.

3. En conformidade co artigo 3, “Deberes de Conservación”, no seu apartado 2 no que se recolle que “Tódalas administracións, no ámbito das súas competencias, asegurarán o mantemento, a protección, a preservación e maila restauración dos recursos naturais, con independencia da súa titularidade ou réxime xurídico, garantindo que a xestión deles se produza sen mingua da potencialidade e compatibilidade cos fins da súa conservación”.

4. Consideramos que a execución deste proxecto nesta área non contribúe a manter o espacio nun estado de conservación favorable, tal como se pretende co desenvolvemento da aplicación da norma da Directiva de Hábitats: “3.1.Crease unha rede ecolóxica europea coherente de zonas de especial conservación, denominada “Natura 2000”. Dita rede, composta polos lugares que alberguen tipos de hábitats naturais que figuran no Anexo I e de Hábitats de especies que figuren no Anexo II, deberá garantir o mantemento ou, no seu caso, o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos tipos de hábitats naturais e dos hábitats das especies que se trate na súa distribución natural”.

5. A administración non pode dar por válidos, e baixo a circunstancia agravante de saber que existe propósito de autorización descoñecéndose aínda a viabilidade do mesmo segundo as disposición normativas ambientais vixentes, aqueles proxectos e estudios de impacto ambiental que non respecten os límites de coherencia ecolóxica establecidos na Directiva de Hábitats para a Rede Natura 2000.
Foi por este mesmo motivo, polo que o proxecto inicial, concibido para o Cabo Touriñán (Galicia, España) foi rexeitado polo goberno de España e o da rexión de Galicia, ao considerar precisamente que a súa localización nun espacio Rede Natura 2000 ía EN CONTRA DA COHERENCIA DA DIRECTIVA DE HÁBITATS E DO PROGRAMA NATURA 2000.

6. Unha deficiente avaliación do impacto ambiental non pode ser consentida por parte da administración, pois suporía unha omisión dos seus “deberes de conservación” para este espazos de recoñecido valor internacional.

7. Debe considerarse e aplicarse o recollido no artigo 10, e que di: “Cando o consideren necesario, os Estados membros, no marco das súas políticas territoriais nacionais de ordenación do territorio e de desenvolvemento e, especialmente, para mellorar a coherencia ecolóxica da Rede Natura 2000, esforzaranse por fomentar a xestión dos elementos da paisaxe que revistan primordial importancia para a fauna e flora silvestres.

Conclusións.

1. A inexistencia dun Plan de Conservación para a xestión do espazo “Dunas de Mira, Gándaras e Gafahña”, pendente de ser declarado Zona de Especial Conservación coma último paso dentro do programa de conservación Natura 2000, debe ser motivo suficiente para aplicar o principio de cautela ou precaución por parte das autoridades portuguesas, paralizando calquera expediente, que da súa execución poida derivarse unha acción de deterioro ou perturbación ambiental importante sobre os elementos constitutivos polos que se distingue a protección deste espazo con respecto ao resto de territorio circundante, do contrario estaríase incumprindo un dos requirimentos establecidos na lei de conservación da natureza, e tamén da Directiva de Hábitats.

Débense preservar os principios fundamentais que rexen a ordenación e planificación do territorio con vistas a garantir un aproveitamento racional e cara o desenvolvemento sostible. A aplicación de ferramentas de xestión para adecuar os aproveitamentos ao medio, e particularmente sobre aquelas áreas consideradas de interese especial tal coma poden ser os espazos naturais protexidos, é un dereito recoñecido por lei. Polo tanto deben desenvolverse en virtude e cumprimento da lexislación vixente.

Isto non pode ser doutra forma para un espazo natural protexido. Espazos protexidos como o de “Dunas de Mira, Gándaras e Gafahña”, teñen que estar sometidos a unha ordenación racional e acorde cos valores que son constituíntes da distinguida mención, polo que a planificación ten que establecerse coma medida de precaución, mentres non sexan definidas coa rigorosidade técnica os requirimentos que definan a conveniencia e adecuación dos diferentes aproveitamentos permitidos. Neste sentido estímanse convenientes as propias disposicións de conservación e protección establecidas nos diferentes epígrafes do “Plano Sectorial da Rede Natura 2000” de Portugal, e o seu cumprimento debe facerse en harmonía cos principios inspiradores da propia Directiva de Hábitats e do programa Rede Natura 2000.

Os plans deben ser realizados e aprobados no menor tempo posible e con tódalas garantías, co fin de esclarecer que usos e restricións caben aplicarse. Entendemos que é a única maneira de atender as implicacións que leva a catalogación dun espazo coma Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e coma Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000.

2. A construción da macro instalación para acuicultura de Pescanova en Mira, xerará procesos de deterioro ambiental directos sobre Hábitats protexidos pola Unión Europea, pero aínda pode considerarse maior a afección sobre a integridade do conxunto protexido, ao verse alterado un espazo de excepcional valor xeomorfolóxico, que responde as características de grande unidade de cordón dunar asentado nun substrato moi dinámico a expensas da dinámica das correntes mariñas costeiras, e polo tanto con certa complexidade na estabilización e asentamento dos procesos de formación edafolóxica, xeomorfolóxica e asentamento de biodiversidade, facendo desta área un lugar extremadamente fráxil e moi sensible a calquera modificación ou perturbación xeradas por actividades antrópicas .

Neste caso, e tendo en conta ademais as flutuacións futuras sobre o nivel do mar que pode xerar o cambio climático global, e os seus efectos na circulación das correntes mariñas e a localización dun grande complexo que supera as 100 hectáreas de intervención e ocupación do terreo, as instalacións máis inmediatas á franxa costeira poden quedar a expensas dos cambios dunares e ser ademais un importante elemento que participe no modelado e propia dinámica de formación do cordón dunar, e orixinar procesos de degradación inesperados, alleos a propia evolución dos procesos naturais, sobre outros elementos ecolóxicos igualmente protexidos.

Preservar a integridade dun espacio protexido é un aspecto considerado recentemente dentro da xurisprudencia europea, e senta un precedente para as administracións dos Estados Membros en canto a como debe aplicarse a Directiva de Hábitats sobre os espacios da Rede Natura 2000 e determinados proxectos.

3. A administración portuguesa en virtude de dar cumprimento ao exposto na Directiva de Hábitats, onde se pide que “os Estados membros se esforzarán por mellorar a coherencia ecolóxica de Natura 2000”, non poden dar por válido proxectos que non contemplen, e polo tanto incumpran, cuestións tan fundamentais coma a busca e publicación de alternativas, a identificación e xustificación das razóns imperiosas de interese público.

4. Por último sinalamos, que este espazo natural protexido presenta importantes potencialidades para o establecemento de aproveitamentos alternativos e sostibles compatibles coa preservación integra do lugar. Entre eles destacar a conveniencia que tería o deseño dun Plan Estratéxico para o fomento de actividades turísticas tendo en conta, entre outros, a paisaxe, a figura do espazo natural protexido, a gastronomía tradicional relacionada coa pesca e marisqueo, independentemente doutras accións que obrigatoriamente deben estar contempladas dentro dun Plan de Conservación do Espazo.